Maica Larriba subliña a figura de Emilia Pardo Bazán como un referente para a mocidade

19/11/2021

A lectura correu a cargo dunha vintena de estudantes do IES A Xunqueira I de Pontevedra. Milagros Lores, profesora de Literatura da UNED de Pontevedra, foi a encargada de abrir o acto xunto a subdelegada do Goberno, realizando un achegamento á figura da escritora. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, reivindicou hoxe a figura de Emilia Pardo Bazán como referente actual para a mocidade da provincia. Expresouno así durante a lectura de textos da escritora vinculados á loita contra a violencia de xénero realizada por unha vintena de escolares do IES A Xunqueira I de Pontevedra no Salón de Actos da Subdelegación do Goberno.  

Acompañada por Milagros Lores Torres, profesora de Literatura da UNED de Pontevedra que realizou unha introdución á figura desta autora,  Maica Larriba quixo reivindicar a actualidade desta escritora cando se cumpren cen anos do seu falecemento.

“Emilia Pardo Bazán foi o claro exemplo dunha muller comprometida no seu tempo coa igualdade e os dereitos das mulleres. Este compromiso coa loita pola igualdade supúxolle recibir críticas, insultos machistas e discriminación, mesmo por parte dos seus propios compañeiros escritores. Pero lonxe de amedrentarse seguiu progresando ata converterse na primeira muller catedrática de Literatura da Universidade Central de Madrid”, explicou. 

A subdelegada expresou o seu desexo de que os estudantes de hoxe “vexádesvos reflectidos e reflectidas nela e que esta actividade, ademais de para aproximar a obra e a vida de Pardo Bazán no centenario da súa morte, sirva para que os máis novos sigades concienciándovos ante un problema tan importante como a desigualdade entre homes e mulleres. Porque cen anos despois as mulleres, a pesar dos avances conseguidos, aínda temos que romper moitos teitos de cristal”. 

Ante máis dunha vintena de alumnas e alumnos do IES A Xunqueira I, que posteriormente realizaron a lectura dos textos, a subdelegada afondou tamén na relación da escritora con Pontevedra “xa que aínda que era coruñesa de nacemento, Emilia gardaba un vínculo moi importante coa nosa cidade e coa nosa provincia, xa que foi, entre outras cousas, unha das primeiras “ilustres” veraneantes de Sanxenxo, onde pasou algúns dos veráns da súa adolescencia no século  XIX xunto á súa familia”. A escritora foi tamén amiga persoal do pontevedrés Perfecto Feijóo e compartía faladoiros na cidade con personalidades como Montero Ríos, Valle Inclán ou José Echegaray.  

Así mesmo, Larriba quixo subliñar, desde a súa faceta de docente, “a idea de Emilia Pardo Bazán de que os dereitos das mulleres só se poden conseguir a través dunha sólida educación”. Por iso, quixo agradecer ao director do IES A Xunqueira I, Enrique Rey, ao secretario, José Manuel Ramos, a profesora do departamento de Lingua Castelá e Literatura, Carla Blanco, e ao alumnado asistente, a súa presenza e colaboración no acto, así como a Milagros Lores Torres, “cuxa intervención permitiunos coñecer un pouco mellor a unha muller preparada, brillante e pioneira”. Acudiron tamén ao acto José María Alén e María Ángeles Aramburu, da Inspección de Educación da Xunta de Galicia

A iniciativa enmárcase no intenso programa de actos da Delegación do Goberno en Galicia e as catro Subdelegacións con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.