José Miñones subliña o compromiso do Goberno coa sanidade pública galega con máis de 12M€ destinados á mellora dos servizos de Saúde Dixital

07/11/2021

 O delegado do Goberno sinala que “os investimentos en dixitalización da saúde son fundamentais para mellorar os sistemas hospitalarios e apoiar a prevención de enfermidades, así como para desenvolver ferramentas e infraestruturas de xestión de datos e de información máis efectivas no ecosistema sanitario”


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou o firme compromiso do Goberno co fortalecemento dos servizos públicos mediante a concesión de 12.431.892,61 euros procedentes do Ministerio de Sanidade para a mellora da eficiencia en Saúde Dixital. A asignación deste crédito prodúcese tras a aprobación por parte do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (SNS) da modificación de criterios para distribución entre as comunidades e cidades autónomas dun total de 220 millóns de euros para este programa. O obxectivo é levar a cabo o desenvolvemento de medidas para mellorar a eficiencia e a sustentabilidade do SNS coa aplicación das novas tecnoloxías na sanidade.

O delegado do Goberno celebrou a adxudicación desta contía e subliñou que “pon de manifesto a aposta do Goberno por mellorar a calidade e a eficiencia dos centros públicos de saúde e dos servizos sanitarios que se ofrecen á cidadanía”. Así, José Miñones fixo fincapé en que “os investimentos en dixitalización da saúde son fundamentais para mellorar os sistemas hospitalarios e apoiar a prevención de enfermidades, así como para desenvolver ferramentas e infraestruturas de xestión de datos e de información máis efectivas no ecosistema sanitario”.

As contías asignadas a cada unha das comunidades e cidades autónomas, procedentes do convenio subscrito en 2016 entre o Goberno de España e  Farmaindustria, deberán dedicar, polo menos, un 25% a proxectos asociados á xestión económico-financeira dos produtos farmacéuticos e outro 25% á integración dos sistemas das comunidades e cidades autónomas cos servizos dixitais do  SNS. Entre estes, a Historia Clínica Dixital  Interoperable, a Tarxeta Sanitaria Individual, a Receita Electrónica  Interoperable, o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios, o  Nodo de Verificación de Medicamentos (SNSFARMA), o Rexistro Central de Vacinación ( REGVACU) e a Base de Datos Clínicos de Atención Primaria (BDCAP).

O 50% restante irá destinado á posta en marcha de proxectos vinculados coa Estratexia Nacional de Saúde Dixital, en tres áreas principais: a analítica de datos, en conexión co Espazo Nacional de Datos de Saúde; a ampliación e renovación das infraestruturas TIC dos centros sanitarios e sociosanitarios, por exemplo, en  ciberseguridade; e os sistemas integrados de xestión e análise de imaxes médicas, asegurando a dispoñibilidade e acceso a este tipo de servizos con independencia do nivel asistencial.

A distribución entre as comunidades e cidades autónomas dos créditos de 2021 realizouse repartindo o 10% do total de maneira lineal entre todas elas e o 90% restante con criterio poboacional, segundo as cifras oficiais do Padrón correspondentes ao 1 de xaneiro de 2020.