José Miñones avanza proxectos por máis de 30 millóns de euros para estender a cobertura de banda ancha ultrarrápida en 278 concellos galegos

02/11/2021

O Goberno impulsa a conectividade con velocidade superior a 100 Mbps cunha achega directa de máis de 19 millóns de euros

Este programa está incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

A banda ancha ultrarrápida chegará ao 95% da poboación no ano 2023

Por provincias, son 45.514 familias en Lugo, 17.973 en Pontevedra, 15.923 na Coruña e 10.138 en Ourense


O delegado do Goberno, José Miñones, avanzou hoxe proxectos por 30.183.840 euros para estender a cobertura de banda ancha ultrarrápida en 278 concellos de Galicia. Explicouno tras a proposta de resolución provincial da convocatoria do ano 2021 do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha.

José Miñones enmarcou esta iniciativa no “compromiso do Goberno coa conectividade e a dixitalización, ademais do reto demográfico, tres alicerces das políticas progresistas e fundamentais para o futuro de Galicia”, todo enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital impulsa este programa polo que se beneficiarán 89.548 fogares e empresas en Galicia ata o de agora sen cobertura dunha velocidade de acceso superior a 100 Mbps. Este programa, xestionado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

A convocatoria outorga axudas para a extensión de redes de comunicacións electrónicas de banda ancha ultrarrápidas en zonas de 278 concellos galegos, o 89% do total, a maioría situadas en “zonas brancas” que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos. O resto están situadas en “zonas grises” que só dispoñen de cobertura de banda ancha de nova xeración a menos de 100 Mbps por parte dun só operador ou de previsións para a súa dotación no prazo de tres anos.

A proposta de resolución supón a concesión de achegas directas por 19.310.204 euros en Galicia. Coas axudas que chegarán aos operadores beneficiarios, o investimento total nos proxectos adxudicatarios ascenderá a 30.183.840 euros na comunidade.

Tras a execución dos proxectos seleccionados en ÚNICO-Banda Ancha e os proxectos en curso das convocatorias  PEBA-NGA, a cobertura de redes con velocidade superior a 100  Mbps alcanzará o 95% da poboación en 2023.

A extensión da banda ancha ao 100% da poboación cunha velocidade de polo menos 100 Mbps é un compromiso do Goberno incluído na estratexia España Dixital 2025 para alcanzar as zonas rurais máis dispersas, contribuír ao peche da fenda dixital territorial e facer fronte ao reto demográfico para unha recuperación xusta, inclusiva e solidaria.

ÚNICO-Banda Ancha é parte do Plan de Recuperación, que prevé un investimento de 4.000 millóns de euros para a extensión da conectividade, para acelerar o despregamento de redes 5G e impulsar un ecosistema de  ciberseguridade.

REPARTO POR PROVINCIAS

-          Na provincia da Coruña hai proxectos por 4,7 millóns de euros cunha achega de 3,5 millóns en 76 concellos e 15.923 familias ou empresas.

-          En Lugo son 16,3 millóns en proxectos con 10,2 millóns directos que    benefician a 64 concellos e 45.514 familias ou empresas.

-          Ourense suma 3 millóns de euros en proxectos con 2,4 de achega para  80 concellos e 10.138 familias ou empresas.

 -          Pontevedra acumula 6,4 millóns de euros en proxectos con 3,3 millóns   directos. Son 58 concellos e 17.973 familias ou empresas.

PROGRAMA DE UNIVERSALIZACIÓN DE INFRAESTRUTURAS DIXITAIS PARA A COHESIÓN

O Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (ÚNICO) dá continuidade ao Programa de Extensión de banda ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), que permitiu que España sexa un dos países europeos con maior porcentaxe de cobertura de banda ancha. En 2020, o 87% da poboación española tiña cobertura de infraestruturas dixitais que permiten velocidades de, polo menos, 100 Mpbs.

Para poder alcanzar o obxectivo do Plan de Recuperación e que a cobertura alcance ao 100% da poboación, o programa ÚNICO aumentou os investimentos públicos, incrementouse a intensidade de axuda máxima ata o 80% e realizou unha selección de zonas elixibles con maior granularidade, baixando a un nivel de parcela catastral. Isto permitirá acelerar que todo fogar ou empresa teña cobertura de banda ancha ultrarrápida.