José Miñones traslada ao sector agroalimentario de Galicia que disporá este ano de 8,3 M€ do Plan de Recuperación para a innovación, dixitalización e mellora ambiental

22/10/2021

O delegado do Goberno desprázase a Friol coa subdelegada en Lugo para coñecer a cooperativa familiar Traloagro, especializada en produción ecolóxica

Detalla que o obxectivo do Plan de Recuperación con respecto á industria agroalimentaria é fomentar a calidade, a sustentabilidade, a economía circular e a produción ecolóxica xerando valor e emprego

O compromiso do Goberno coa mellora ambiental e a viabilidade do sector suma 50 millóns de euros este ano en Galicia, dos que 39,9 corresponden aos anticipos da PAC desta campaña

O delegado exemplifica en “Traloagro” o esforzo do sector agroalimentario de Galicia por acadar a excelencia na innovación coa súa producción ecolóxica e sostible


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou hoxe que o Goberno destinará 8,3 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a impulsar proxectos de innovación, dixitalización e sostibilidade ambiental do sector agroalimentario de Galicia. José Miñones avanzou este investimento nas instalacións da cooperativa “Traloagro”, en Friol, que visitou coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

“Non se me ocorre mellor emprazamento que este para anunciar o primeiro investimento do Plan de Recuperación para o sector agroalimentario de Galicia”, apuntou o delegado, quen engadiu que os fondos, correspondentes á convocatoria deste ano, adicaranse a financiar accións de mellora de bioseguridade en sanidade animal e vexetal, así como inversións en xestión ambiental dos xurros da gandería, eficiencia enerxética e economía circular no sector agrícola e gandeiro.

O delegado lembrou que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia mobilizará mais de 1.000 millóns de euros ata 2023 para a creación dun novo modelo produtivo no agro. Xunto a este investimento, a nova PAC significará outros 47.724 millóns de euros para España, cunha perspectiva máis sostible e co apoio expreso ao papel da muller rural.  Precisamente foi España quen conseguiu incorporar a perspectiva de xénero a este programa, no convencemento da igualdade de dereitos entre homes e mulleres no mundo rural. A este respecto, José Miñones reiterou o papel fundamental das mulleres ruras para a conseguir as transformacións económicas, sociais e medioambientais que ten en marcha o Executivo.

Dentro da Política Agraria Común, o delegado lembrou que o Ministerio de Agricultura vén de adiantar as cantidades precisas para o pago dos anticipos das axudas directas da PAC da campaña 2021. Un adianto que permite que os agricultores e gandeiros galegos xa estean accedendo a 39,9 millóns de euros, “o que supón unha inxección de liquidez moi importante nas súas explotacións”. Por outra banda, segue aberta a liña de axudas para a mellora de eficiencia enerxética en explotacións agrogandeiras, financiada con fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Esta convocatoria conta cun orzamento de 1,7 M de euros e as solicitudes poden remitirse ata fin de ano.

“Por tanto, estamos falando de programas e inversións que reflicten o compromiso do Goberno coa agricultura, coa gandería e co sector agroalimentario. Hoxe, poñemos 50 millóns de euros sobre a mesa do rural de Galicia”, concluíu o delegado.

Traloagro

O delegado do Goberno coñeceu as instalacións da gandería ecolóxica bovina de Traloagro no lugar de Pacio, en Friol, da man dos seus propietarios e xerentes, Isabel e Tito Gómez. A eles e a toda a plantilla trasladoulles o seu recoñecemento polo galardón que recibiron este mes das mans do ministro de Agricultura con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. Tamén exemplificou nesta empresa familiar o esforzo do sector agroalimentario de Galicia por acadar unha produción innovadora, sostible e por dotar de valor engadido a gandería tradicional de Galicia.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación concedeu a esta cooperativa un dos “Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais” na edición deste ano. En concreto, o grupo lucense recibiu un dos galardóns na categoría de “Excelencia á innovación na actividade agraria”.