José Miñones urxe á Xunta a sinatura do protocolo de transición xusta para As Pontes

18/10/2021

Representantes sindicais da térmica das Pontes, do sector do transporte na zona e a concelleira de Industria mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo co delegado do Goberno e a subdelegada na Coruña

A provincia da Coruña conta cunha asignación de 111 millóns de euros do Goberno para afrontar os retos socioeconómicos vinculados á transición cara á neutralidade climática

O obxectivo dos convenios de transición xusta é crear emprego, garantir a actividade nas áreas afectadas e fixar poboación

Os convenios xa contan coa sinatura das empresas, a representación dos cadros de persoal e o compromiso dos ministerios para a Transición Ecolóxica e Emprego


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, urxiu hoxe á Xunta a sinatura do protocolo de transición xusta para As Pontes. Explicouno durante unha xuntanza de traballo con representantes sindicais das Pontes acompañado pola subdelegada na Coruña, María Rivas, na que tamén abordou a asignación de 111 millóns de euros para transición xusta na provincia.

 

José Miñones lembrou que Galicia é a única comunidade que está pendente de rubricar este protocolo que permitirá materializar os convenios compensatorios dos procesos de descarbonización. O compromiso do Goberno é total e, de feito, a provincia da Coruña conta cunha asignación do Goberno para afrontar os retos socioeconómicos vinculados á transición cara á neutralidade climática.

 

O obxectivo dos convenios de transición xusta é crear emprego, garantir a actividade nas áreas afectadas e fixar poboación. Para iso buscan identificar posibles proxectos, investimentos e oportunidades de emprego que garantan a reactivación da zona, baseada nun modelo produtivo diversificado e sostible, xerando novas oportunidades.

Implican, ademais do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ao Ministerio de Traballo e Economía Social (con plans de formación para mellorar a empregabilidade ou a reconversión se é necesario); ás empresas e aos sindicatos, polo que só falta a Xunta.

Precisamente foi o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que vén de aprobar a concesión de 111 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, en concreto para As Pontes e Meirama (Cerceda).

Ademais de repasar a situación actual, o delegado do Goberno escoitou as demandas sindicais. Xunto a José Miñones estiveron a subdelegada na Coruña, María Rivas; a concelleira de Industria das Pontes, Ana Pena; o representante do sindicato CCOO, Fernando Galego; pola CIG, Alberte Amado; por UXT, Nicasio Pena; e por parte do sector do transporte das Pontes, Manuel Bouza.

A xuntanza de hoxe dá continuidade á mantida a semana pasada coa representación sindical da área de Ferrolterra. Xa nese encontro estiveron sobre a mesa os convenios de transición xusta, que están á espera da sinatura da Xunta, e os 111 millóns de euros comprometidos para a provincia da Coruña.

O Goberno autonómico galego é o único que aínda non asinou os convenios, que xa están en marcha noutras comunidades. Por iso, José Miñones ínstao a mostrar o seu acordo o antes posible, dado que é un paso necesario para empezar a poñer en marcha proxectos xeradores de emprego e actividade.