Isabel Rodríguez celebra o apoio do Goberno á innovación en Galicia e o seu compromiso co CIAR de Rozas

22/09/2021

A subdelegada do Goberno en Lugo acompañou á secretaria de Estado de Defensa na presentación do sistema MILANO de avións non tripulados


O avión non tripulado deseñado polo Instituto Nacional de Técnica Aeroestacial realiza con éxito o seu primeiro voo público no Centro de Investigación Aeroportada


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou o apoio do Executivo de Pedro Sánchez á innovación en Galicia e agradeceu a decidida aposta que fai o Ministerio de Defensa polo Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.

 

A subdelegada fixo estas declaracións logo de asistir esta mañá á presentación no CIAR de Rozas do sistema MILANO de avións non tripulados, que desenvolveu o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, dependente do Ministerio de Defensa.

 

O acto contou coa participación da secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro; o xefe de Estado Maior do Exército do Aire, xeneral Javier Salto; e o director xeral do Centro Tecnolóxico de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Javier Ponce, entre outras autoridades.

 

A presentación do MILANO correu a cargo do director xeral do INTA, tenente xeneral José María Salom, e posteriormente o avión non tripulado realizou con éxito o seu primeiro voo público.

 

O MILANO é un sistema aéreo táctico non tripulado de gran autonomía, que opera a altitudes medias, deseñado para realizar operacións de gran autonomía a unha altitude media de voo que constitúe un sistema óptimo como plataforma aeronáutica de investigación e desenvolvemento. Foi deseñado para realizar misións de recoñecemento e vixilancia tanto no ámbito militar como civil, así pode empregarse para a detección e supervisión de incendios forestais ou en materia de protección civil. Ten un peso de 900 kg, acada unha velocidade máxima de 250 km/h e ten ata 20 horas de autonomía.