ACTO DE INAUGURACIÓN DEL MUSEO DO TRAXE JUANJO LINARES

ACTO DE INAUGURACIÓN DEL MUSEO DO TRAXE JUANJO LINARES

16/01/2010

Hoxe é un día de ledicia, non só para Ordes e a súa comarca. É un día de ledicia para a cultura galega, para o mundo da danza e, de seguro, para o mestre Linares, quen foi, quen é, o principal artífice deste Museo do Traxe que temos a honra de inaugurar.

Pero, e non é alleo a ningún de nós, tamén temos unha sensación agridoce pola ausencia do mestre. Hai un baleiro entre estas vitrinas que non podemos encher fisicamente porque Juanjo Linares non nos pode acompañar nun acto que el perseguiu tanto tempo, dende aquel momento en que os tesouros que el conservaba encheron a súa casa de Madrid. De feito, adoitaba dicir que chegou a durmir un tempo no sofá porque o resto da vivenda estaba ocupado por estas marabillosas pezas.

Os traxes son máis que obxectos. Iso todos o sabemos. A vestimenta é parte da herdanza cultural dun pobo. Obxectivamente amósanos o xeito de vivir, pero tamén de morrer, de relacionarse, de disfrutar,… Máis aínda, vendo estas obras, feitas por mans coidadosas para unha persoa concreta e ninguén máis, podemos afirmar con claridade que os traxes conservan un anaco da alma da persoa que os portou.

O mestre Linares compartía este pensamento e mostra diso son os moitos exemplos de vestidos e traxes de persoeiros moi concretos cos que el traballou ou a quen admirou.

Linares, ordense que sempre o foi de berce e máis de corazón, quixo que a súa memoria, que tantos esforzos lle consumira nestes anos, ficara pousada na vila de Ordes. Hoxe está aquí, ordenada como el o quixo, para educar a xente na cultura do traxe, para facer de Ordes unha das poucas vilas de España e do mundo en amosar un fondo semellante. Sabemos que esta colección, pola súa relevancia, tivo moitas noivas, que tiraron do seu dono e que tentaron seducilo coa promesa dun gran museo ou dunha gran ganancia económica.

Pero Linares non cesou naquel empeño que recolleu o seu Concello natal e que tivo resposta nas administracións competentes, que puxeron os medios, directamente ou a través dos fondos Leader, para chegar hoxe a esta realidade.

Quixera, neste punto, amosar a miña confianza en que o Museo do Traxe será un punto de referencia nos circuitos culturais galegos e estatais. Así, contan co meu compromiso para acadar o apoio directo do Goberno central a través do Ministerio de Cultura que, como saben, conta cun Museo Nacional do Traxe propio en Madrid. Apoios que poden ser de diverso tipo, tanto económico como de posicionamento na rede de museos e de promoción turística.

Este compromiso esténdese, en paralelo, ao resto do concello de Ordes. Quixera recordarlles que o Goberno de España destinou o ano pasado 2 millóns de euros para os proxectos de investimento local neste Concello aos que se lles unirán outros 1,3 millóns este ano. Son proxectos dos que todos os cidadáns saen directamente beneficiados e aos que se lles unirán moi pronto outros de mellora de infraestruturas viarias, como a variante da Nacional 550, que suporán un avance en seguridade e en comunicacións para todos os ordenses.

Repasando un pouco a vida de Juanjo Linares para este acto, ségueme a sorprender a capacidade de entrega aos demais dun home que amou o baile como expresión persoal e popular. Nas súas intervencións públicas destaca o perfil humano do artista, a gratitude aos mentores e mestres, a bondade e a xenerosidade, elementos que tanto contrastan coa competencia que empaña hoxe en día moitas expresións artísticas.

Medalla de Prata de Belas Artes, medalla de Galicia, fillo predilecto de Ordes,…son infinitas as homenaxes e condecoracións que engalanan a traxectoria profesional de Juanjo Linares. Non podo recordalas todas nesta breve intervención pero non quería tampouco deixar de lembrar o recoñecemento do público, da crítica e dos compañeiros que tanto o respectaron e quixeron.

Querido Juanjo. Un mal día dun mal mes de novembro o teu corazón deixou de latir e a danza galega e españoa, e tamén este pobo de Ordes, quedaron un pouco orfos. Se é así, como dixen, que os traxes gardan o alento de aqueles que os levaron, de seguro que hoxe moitas vitrinas deste museo están tremendo de emoción e ledicia. Así polo menos o imaxino eu.

Grazas a Juanjo Linares, grazas ao Concello de Ordes, aos seus habitantes e a todos aqueles que, dunha ou doutra maneira, colaboraron para facer realidade este fermoso e valioso proxecto. A todos eles vai dirixida hoxe a miña noraboa.