El Delegado del Gobierno asiste a la Clausura el II Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde

31/10/2008

Discurso do delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, con motivo da clausura do Segundo Congreso Galego de Saúde e Medio Ambiente

En primeiro lugar, quero agradecer á organización deste Segundo Congreso Galego de Saúde e Medio Ambiente o empeño que puxo para congregar a tantos responsables e profesionais nun evento que ten como principal obxectivo afrontar un tema fundamental para todos nós.

Como xa saberán vostedes, polo que abordaron nestes días e por experiencias anteriores, a humanidade atópase nun dos momentos máis críticos da súa historia. E non estou a falar da crise económica precisamente, aínda que está na boca de tódolos medios de comunicación, senón do reto que supoñen os cambios do clima e o deterioro medioambiental do planeta.

Quero aproveitar esta oportunidade e o foro no que me atopo para lembrar o compromiso que o Goberno de España ten precisamente con esta temática: o medio ambiente e a saúde.

Neste anos, o noso país está a situarse nos postos de cabeza das políticas de minimización do impacto medioambiental na sociedade moderna. Quero citar tres aspectos que avalan esta afirmación. En primeiro lugar, o anuncio do presidente Zapatero de contribuir con tres millóns de euros ó programa da Organización Mundial da Saúde sobre efectos do cambio climático na saúde.

En segundo lugar, a recente celebración en España da sesión plenaria do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático.

E, en terceiro lugar, o esforzo que está a desenvolver o Goberno Español neste ámbito a nivel internacional para apoiar a países menos favorecidos e para desenvolver accións de cooperación cos países do noso entorno, fundamentalmente da Unión Europea.

De acordo coas conclusión do xa nomeado Panel Intergubernamental do Cambio Climático, a existencia deste fenómeno é INNEGABLE. Fóra de polémicas gratuitas, as evidencias científicas son as que son e proban que o cambio climático está a acontecer e, o que é peor, que pode acelerarse durante este século. E neste contexto, podemos prever os graves efectos que este fenómeno terá no medio ambiente, na economía e, sobre todo, na saúde.

Non é alleo a todos nós que o cambio climático terá un impacto moi negativo na calidade e na seguridade de moitos dos factores determinantes da saúde pública, como a auga, o aire e os alimentos.

En conclusión, os riscos xerados polo cambio climático son moi relevantes, tanto para o planeta como para as xeracións futuras que o habitan e isto require unha acción urxente.

Ademáis, hai que pensar que os impactos serán moito maiores na medida de que non deseñemos mecanismos que os deteñan ou que retrasemos a súa posta en marcha.

Por todo isto, é fundamental que os Estados desenvolvan iniciativas que diminúan os potenciais impactos destes cambios na saúde pública e nos servicios asistenciais.

Medidas que deben estar baseadas nunha idea primaria: todas estas accións requiren dun consenso internacional previo para a súa aplicación así como de colaboración entre axentes públicos e privados e implementación ós niveis local, nacional e internacional.

Deste xeito, España apoia unha estratexia global da Organización Mundial da Saúde con outros países e organizacións no sentido de promover alianzas entre os sectores medioambientais e sanitarios co obxectivo de asegurar que o cambio climático teña un impacto mínimo na saúde da población. Unha aposta que se vén de repetir no último Simposio Internacional sobre Saúde e Medio Ambiente de expertos da OMS que acolleu este mes de outubro o Ministerio español de Sanidade e Consumo.

A nivel nacional, debo destacar a aprobación conxunta polos Ministerios de Sanidade e de Medio Ambiente da implementación dun Plan Nacional de Acción sobre Saúde e Medio Ambiente 2009-2012. Este Plan, que se está deseñando, incluirá estratexias de traballo específicas para os impactos do cambio climático e doutros fenómenos ambientais con especial foco na súa relación coa saúde pública.

O ánimo co que nace este plan e tódalas accións que desenvolve o Goberno de España é o de aproveitar as sinerxias que se desprenden da aplicación doutros plans e programas relacionados con ámbitos específicos como a calidade da auga, contaminación atmosférica, control de epidemias e formación de profesionais sanitarios así como a educación e a promoción dos hábitos de vida saudables.

Como paso previo á aplicación do Plan, o Goberno de España acaba de anunciar a creación do Observatorio Nacional de Saúde e Cambio Climático integrado no Ministerio de Sanidade. Este observatorio será en breve un instrumento de gran valor para a diagnose da situación sanitaria afectada polo cambio climático así como un punto de partida para a priorización dos problemas e a proposta de solucións para eles. Ademais, este Observatorio traballará tamén como rexistro dos proxectos de investigación que se desenvolven en España e que relacionan saúde e medio ambiente.

Neste Observatorio, que será unha realidade nos próximos meses, ademáis do Goberno Central e das Comunidades Autónomas, tomarán parte activa os Concellos. Por iso, as experiencias do Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles serán decisivas para o correcto funcionamiento do Observatorio e a toma de decisións que del se deriven.

Non quero nin debo extenderme demasiado posto que levan xa varios días analizando profusamente este e outros temas. Tan só lembrar que neste compromiso de España, debemos destacar a próxima Conferencia Ministerial europea sobre Saúde e Medio Ambiente que se celebrará en Italia o próximo ano 2009 e da que, seguramente, sairán novas propostas que deberemos implementar a nivel nacional e local.

Co ánimo de que tódolos esforzos garantirán o futuro da nosa sociedade e un mañán máis esperanzador, declaro oficialmente clausurado este Segundo Congreso Galego de Medio Ambiente e Saúde.