Maica Larriba informa ao alcalde de Caldas de Reis sobre as actuacións de mellora da seguridade viaria que se van executar na N-640

Instante da reunión

08/09/2022

A subdelegada sinalou que os traballos se realizarán na madrugada deste venres e consistirán no reforzo da sinalización horizontal nas proximidades de varios centros educativos


Pontevedra, 8 de setembro de 2022.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, na que lle informou das actuacións para a mellora da seguridade viaria mediante o reforzo da sinalización horizontal que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, (Mitma) vai executar na estrada N-640 ao seu paso pola localidade. As intervencións realizaranse nas contornas do CEIP Afonso VII e do IES Aquis Celenis (rúa José Salgado) que dá acceso á vila, así como na rúa Juan Fuentes Echeverría, na proximidades do colexio San Fermín. “Con estes traballos”, explicou a subdelegada, “o Goberno cumpre un compromiso adquirido co Concello e cos centros educativos que teñen acceso pola estrada de titularidade estatal, ao incrementar as condicións de seguridade destas zonas escolares con alta intensidade de tráfico e moi frecuentadas por peóns”.

Maica Larriba explicou que a previsión, se o tempo o permite, é acometer as actuacións na madrugada deste venres coa finalidade de causar as mínimas molestias e interrupcións do tráfico. O reforzo da sinalización horizontal realizarase na rúa José Salgado mediante o pintado de “dentes de dragón” cos que se busca  unha maior percepción por parte dos condutores da necesidade de reducir a velocidade e adaptala a unha vía urbana con elevada presenza de peóns. Doutra banda, os pasos de peóns próximos aos centros educativos sinalizaranse mediante liñas quebradas previas pintadas en cada marxe co fin de reforzar a percepción dos condutores de ditos pasos. 

A subdelegada do Goberno incidiu no “compromiso do Mitma coa provincia que se plasma, non só coa execución de grandes obras, senón tamén coa mellora da seguridade viaria a través de pequenas actuacións coma esta que son moi importantes para a veciñanza”. 

Cuntis
Maica Larriba adiantou que o Mitma tamén ten previsto acometer proximamente actuacións de repintado e mellora da sinalización horizontal na estrada N-640 entre os termos municipais de Cuntis e A Estrada, nas coñecidas como curvas de Castro Loureiro, coa finalidade de incrementar a seguridade viaria nun treito de importante sinistralidade.