José Miñones traslada o compromiso da Goberno coa promoción e defensa da lingua galega como signo de identidade e de unión de Galicia

15/11/2021

Avanza que o Ministerio de Transportes comezará en 2022 a rehabilitación íntegra a sede da RAG cun investimento de 2 millóns de euros

Detalla que o Ministerio de Ciencia aportará no vindeiro ano máis de 300.000 euros para financiar o funcionamento da institución


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou hoxe ao presidente da Real Academia Galega o compromiso do Goberno coa promoción, defensa e uso institucional do idioma galego así como co funcionamento da principal institución académica en defensa da lingua.

José Miñones realizou unha visita institucional á sede da RAG, que percorreu xunto co seu presidente, Víctor F. Freixanes. Xunto a eles asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas,e o secretario da Academia, Henrique Monteagudo.

O delegado do Goberno detallou na visita os avances que está facendo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana respecto á rehabilitación integral do edificio propiedade da Real Academia na rúa Tabernas. Trátase dun proxecto incluído no Programa de Rehabilitación Arquitectónica e que suporá un investimento de 2 millóns de euros.

O delegado explicou que os servicios técnicos do Ministerio están a avaliar o proxecto de execución elaborado polo estudio Moure e Pascual, para poder iniciar as obras no próximo ano: “Os orzamentos de 2022 xa contemplan unha partida inicial para arrincar os traballos”, engadiu.

A actuación inclúe traballos de restauración, modernización e nova distribución do edificio que, lembrou José Miñones, “foi casa de Emilia Pardo Bazán e hoxe é museo e ademais, atópase nun enclave histórico e a uns pasos da igrexa de Santiago”.

O delegado do Goberno avanzou tamén ao presidente da Real Academia os compromisos de financiamento da actividade académica. Así, en 2022, a través do Ministerio de Ciencia e Innovación, “imos aprobar unha subvención que supera os 300.000 euros para favorecer a súa actividade”, explicou.