Isabel Rodríguez resalta a importancia da colaboración entre as Policías Locais da provincia e a Dirección Xeral de Tráfico para aumentar a seguridade viaria
28/10/2021
A subdelegada atribúe o descenso na siniestralidade en vías urbanas á implicación das Policías Locais nas campañas da DXT
No que vai de ano rexistráronse 80 accidentes con vítimas nas vías urbanas da provincia e non houbo que lamentar ningún falecido
Xornada de formación para Policías Locais
Isabel Rodríguez resalta a importancia da colaboración entre as Policías Locais da provincia e a Dirección Xeral de Tráfico para aumentar a seguridade viaria
§ A subdelegada atribúe o descenso na siniestralidade en vías urbanas á implicación das Policías Locais nas campañas da DXT
§ No que vai de ano rexistráronse 80 accidentes con vítimas nas vías urbanas da provincia e non houbo que lamentar ningún falecido
Lugo, 27 de outubro de 2021.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o importante labor das Policías Locais da provincia na mellora da seguridade da circulación e agradeceu a súa colaboración neste obxectivo coa Dirección Xeral de Tráfico. A subdelegada fixo estas afirmacións na apertura dunha xornada de formación para Policías Locais organizada pola Xefatura provincial de Tráfico, á que asisten unha trintena de axentes das Policías Locais de Lugo, Sarria, Viveiro e Guitiriz.
Isabel Rodríguez explicou que o traballo das Policías Locais axuda a facer das cidades e vilas da provincia espazos de convivencia segura e sostible, que é unha das prioridades nas que traballa a DXT. Neste sentido remarcou a importancia da colaboración das Policías Locais nas campañas que desenvolve Tráfico para os controis de velocidade e de alcoholemia, así como do uso de sistemas de retención infantil, de distraccións ao volante ou de visibilidade dos peóns.
Para a subdelegada do Goberno, froito desa colaboración nos últimos anos obsérvase un descenso progresivo na cifra de accidentes con vítimas nas vías urbanas da provincia. Destacou ademais que, afortunadamente, no que levamos de ano non se ten producido ningunha vítima mortal neste tipo de vías.
Son 80 os accidentes con vítimas rexistrados ata o día 19 de outubro nas rúas de cidades e vilas da provincia. Como consecuencia destes sinistros 9 persoas tiveron que ser hospitalizadas e outras 85 sufriron feridas que non fixeron necesaria a súa hospitalización.
ANO | ACCIDENTES CON VÍTIMAS | FALECIDOS | FERIDOS HOSPITALIZADOS | FERIDOS NON HOSPITALIZADOS |
2018 | 196 | 2 | 30 | 229 |
2019 | 133 | 2 | 24 | 150 |
2020 | 105 | 3 | 18 | 118 |
2021 (ata 19 outubro) | 80 | 0 | 9 | 85 |
TOTAL | 514 | 7 | 81 | 582 |
Pola súa parte, o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, indicou que este descenso sostido da accidentalidade con vítimas nas vías urbanas obedece a unha tendencia de
calmado do tráfico urbano. Resaltou tamén que a probabilidade de falecer nun atropelo achégase ao 90% se o vehículo circula a 50km/h mentres que descende ao 10% se a velocidade baixa a 30km/h.
Na xornada, os axentes que participan reciben formación sobre o manexo de radares modelo Autovelox 105 que a Dirección Xeral de Tráfico pon a disposición dos concellos da provincia cos que mantén un convenio de colaboración.