José Miñones sitúa a transición enerxética como un elemento clave para a modernización da economía galega e a creación de emprego

José Miñones sitúa a transición enerxética como un elemento clave para a modernización da economía galega e a creación de emprego

22/10/2021

O delegado do Goberno salienta, na entrega dos VIII Premios Galicia de Enerxía, o protagonismo da enerxía para unha recuperación xusta

Afirma que o papel dos enxeñeiros industriais será fundamental na recuperación económica

Máis do 40% do investimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia está vinculado á transición ecolóxica: son máis de 28.000 millóns de euros ata 2023

José Miñones incide na relevancia da colaboración público-privada para o crecemento económico con iniciativas como as galardoadas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe a enerxía como un elemento clave para a modernización da economía galega e a creación de emprego. Expresouse así durante a entrega dos VIII Premios Galicia de Enerxía, na que salientou o protagonismo da transición ecolóxica.

“O que nos trae hoxe ata aquí está máis de actualidade que nunca. A enerxía e o papel dos enxeñeiros industriais son dous aspectos que están no día a día da nosa sociedade. Dous elementos clave na recuperación que necesitamos”, afirmou.

José Miñones felicitou aos enxeñeiros e ao seu decano, Oriol Sarmiento, polos premios entregados hoxe, pois recoñecen varios aspectos moi relevantes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. “Temos un 40% do investimento vinculado á transición ecolóxica. Son máis de 28.000 millóns de euros destinados ao impulso da economía verde ata 2023. E, ademais, o 100% das accións vinculadas ao Plan de Recuperación terán un filtro verde. A eficiencia enerxética é máis protagonista que nunca”, engadiu.

De feito, o Plan de Recuperación ten partidas para enerxías renovables, para eficiencia enerxética de vivendas, para infraestruturas eléctricas e para hidróxeno verde. Ademais, o pasado mes de setembro o Goberno anunciou 100 millóns de euros para impulsar comunidades enerxéticas.

“O Goberno conta cun Marco Estratéxico de Enerxía e Clima. É unha gran oportunidade para a modernización da economía galega e a creación de emprego”, afirmou.

Por iso, o delegado do Goberno animou aos enxeñeiros industriais a “seguir traballando e a aproveitar esta oportunidade que se abre cos Orzamentos e cos fondos do Plan de Recuperación”, continuou.

VIII PREMIOS GALICIA DE ENERXÍA

Nos galardóns destaca a importancia da colaboración público-privada, que “é fundamental para a recuperación”. En concreto, o premio ao mellor proxecto de innovación foi para Navantia por adaptar “as súas instalacións para unha modernización que liderará o crecemento desta área de Ferrol”, subliñou.

O mellor proxecto de iluminación foi para Siel Vigo polo seu traballo na ponte de Rande. “Unha instalación pública que conta coa boa man dunha empresa privada para aportar seguridade con eficiencia”, dixo.

O mellor proxecto de enerxías renovables é para EiDF Solar polo seu traballo con Estrella Galicia. “Unha actividade de autoconsumo responsable que responde precisamente ás liñas de traballo do Goberno. Como tamén o é a eficiencia enerxética, neste caso exemplificada por Soltec Ingenieros polo seu proxecto para o Grupo Copo”, aseverou.

José Miñones destacou que o emprendemento é “fundamental” e exemplificouno co premio a Enecraft, unha empresa que “con poucos meses de vida xa propón solucións aeronáuticas innovadoras que nos mostran o talento que temos en Galicia”.

“A comunicación é outro dos elementos cruciais para a transición enerxética que necesitamos. A Asociación Slowlight e a xornalista Mila Méndez contribúen neste ámbito. O alumeado público responsable e a eficiencia enerxética nos fogares melloraron grazas a ambos”, rematou.