José Miñones pon en valor os 42 millóns de euros do Goberno destinados a modernizar o sector do libro e ao fomento da lectura

José Miñones pon en valor os 42 millóns de euros do Goberno destinados a modernizar o sector do libro e ao fomento da lectura

19/10/2021

O delegado do Goberno subliña a aposta do Ministerio de Cultura por impulsar as bibliotecas, os libros dixitais ou as empresas do ámbito literario

As achegas están enmarcadas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O obxectivo é ter impacto en toda a cadea de valor do libro e o seu ecosistema con tecnoloxía punteira e dixitalización; e o coidado ambiental como política transversal do Goberno


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, puxo hoxe en valor os 42 millóns de euros que destina o Executivo a modernizar o sector do libro e ao fomento da lectura. O Ministerio de Cultura e Deporte aposta por impulsar as bibliotecas, os libros dixitais ou as empresas do ámbito literario dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Explicou que está previsto destinar 10 millóns para a compra de libros para bibliotecas, 3 millóns para a compra de libros dixitais que alimentan a plataforma eBiblio e outros 3 millóns para recuperación e preservación do patrimonio bibliográfico, coa dixitalización de documentos que serán de acceso público.

Os outros 26 millóns restantes, ata un total de 42, buscan favorecer os distintos axentes do ecosistema do libro. Terán impacto en toda a cadea de valor do libro e en moitas empresas tamén relacionadas.

O delegado do Goberno detallou que un dos obxectivos é modernizar as pemes do sector, coa mellora dos procesos de distribución, a xestión interna e as ferramentas de xestión editorial.

Con estes fondos, o Executivo tamén quere que as compañías implanten tecnoloxía punteira e vaian cara a dixitalización de contidos e procesos. Ademais, nesta liña de achegas entra en xogo a innovación e a sustentabilidade, dado que o factor do coidado ambiental é unha política transversal do Goberno.

Esta iniciativa responde ao compromiso do ministro Miquel Iceta e da directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, María José Gálvez, acadado con editores, libreiros e distribuidores. A meta é transformar o sector e dinamizar a industria grazas aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que impulsa o Goberno.