José Miñones adianta a inclusión da reforma da glorieta de Guísamo no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2022

José Miñones adianta a inclusión da reforma da glorieta de Guísamo no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2022

11/10/2021

O delegado do Goberno avanza que a glorieta de Guísamo será unha realidade a partir do ano próximo

José Miñones certifica o compromiso do Executivo coa seguridade viaria en Galicia, que exemplifica con esta importante actuación

O investimento do Goberno no Concello ascende a 4,5 millóns de euros en axudas e proxectos executados directamente polos ministerios

Bergondo recibiu case 2 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica para renovar o alumeado público do Concello


O delegado do Goberno, José Miñones, trasladou á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, que o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 contempla a partida para a execución do proxecto da glorieta de Guísamo, na estrada N6. José Miñones lembrou que se trata dunha obra que responde a unha demanda histórica da veciñanza de Bergondo, pois mellora a seguridade viaria nesta zona de alta densidade de circulación.

Acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o delegado engadiu que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana está tramitando xa as expropiacións para executar esta obra e está preparando a súa licitación cun orzamento de 1,5 millóns de euros en conxunto.

O proxecto consiste na remodelación da intersección actualmente existente no punto quilométrico 580 da estrada estatal N6 coa AC-164, transformándoa nunha glorieta dotada de vías de servizo laterais que permitan o acceso ás propiedades lindeiras. A obra contempla a implantación doutra glorieta nas inmediacións e a reordenación dos movementos entre elas. José Miñones apuntou que confía que esta actuación, que ten un prazo de execución de 5 meses, esté rematada no próximo ano, co que se eliminará un dos tramos de concentración de accidentes da provincia.

O delegado do Goberno repasou coa alcaldesa outros investimentos do Goberno en Bergondo, en sostenibilidade ambiental, infraestruturas, dixitalización e loita contra a violencia de xénero, que suman en total 4,5 millóns de euros neste concello.

En concreto, abordaron as dúas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que permitiron a renovación do alumeado público do municipio en dúas fases. En total, Bergondo recibiu case 2 millóns de euros cos que mellorou a eficiencia enerxética no Concello, pois permite un aforro considerable nos gastos eléctricos que o Goberno local pode adicar a financiar outros servizos públicos.

Por outra banda, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital financia a ampliación de banda ancha de acceso a internet en 20 entidades de poboación de Bergondo. Son actuacións que forman parte do Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) e que terán continuidade en vindeiras convocatorias ata alcanzar o obxectivo do Goberno de alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025.

O compromiso do Goberno non só está nese ámbito. Este mesmo ano o Concello de Bergondo recibe 13.300 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.