Isabel Rodríguez destaca o apoio do Goberno á conservación da Catedral de Mondoñedo e do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá

Imagen visita nuevo obispo Mondoñedo-Ferrol

07/10/2021

A subdelegada resalta o investimento de 5,5 millóns nos dous importantes monumentos, que se engaden ás axudas do 1,5% Cultural

Rodríguez e García Cadiñanos tamén trataron sobre a situación de colectivos en situación de precariedade económica


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o compromiso do Goberno para colaborar na preservación de valiosos monumentos da provincia de Lugo como a Catedral de Mondoñedo e o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá. Este foi un dos temas que abordaron a subdelegada e o novo bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, nun encontro que mantiveron na Subdelegación do Goberno.

 

Isabel Rodríguez explicou que o Goberno destina 5,5 millóns de euros do Plan Turístico Nacional do Xacobeo para a realización de traballos de conservación de dous dos máis importantes monumentos situados na diocese de Mondoñedo-Ferrol. E lembrou que non son estes os únicos investimentos, pois o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financia, con cargo ao 1,5% cultural, outros proxectos para melloras no entorno da Catedral da Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo.

 

A subdelegada recordou que o Ministerio investiu 131.507 euros nun primeiro proxecto de acondicionamento e urbanización do entorno da Catedral e tamén concedeu unha segunda subvención por importe de 194.054 euros, ao Concello mindoniense, para un segundo proxecto de acondicionamento da praza da Catedral, que está pendente de execución.  

 

Na primeira visita institucional que efectuou o novo bispo á subdelegada, tamén trataron sobre a situación das persoas en situación de precariedade económica e sobre os problemas de colectivos inmigrantes.

 

Isabel Rodríguez desexoulle éxitos na súa nova responsabilidade a monseñor García Cadiñanos, que foi ordenado bispo de Mondoñedo-Ferrol o pasado 5 de setembro en substitución de monseñor Luis Ángel de las Heras.