Emilio González subliña a dinamización do rural e o reto demográfico como prioridades que comparten o Goberno e o Concello de Taboadela

Emilio González subliña a dinamización do rural e o reto demográfico como prioridades que comparten o Goberno e o Concello de Taboadela

06/10/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense e o alcalde de Taboadela analizaron os proxectos de aforro enerxético do concello subvencionados con 238.364 euros polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil investirá máis de 700.000 euros na mellora do saneamento e da depuración de seis núcleos do municipio

A extensión da conexión a Internet por banda ancha, que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos, beneficiará a 27 entidades de poboación do concello de Taboadela


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, subliñou hoxe a dinamización do rural e o reto demográfico como prioridades que comparten o Executivo e o Concello de Taboadela. Así o sinalou tras reunirse co alcalde do municipio, Álvaro Vila, para avaliar o desenvolvemento dos proxectos que ten en marcha o Goberno local contando coa colaboración do Goberno de España.

Na reunión, o subdelegado do Goberno destacou que, dentro da aposta pola eficiencia enerxética, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 238.364,54 euros para dous proxectos en Taboadela a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A subvención estatal alcanza o 80% do investimento total dos proxectos e o Concello asume o 20% restante.

O alcalde de Taboadela explicou que o proxecto de aforro e mellora da eficiencia enerxética no alumeado público do concello xa está adxudicado, estando previsto o inicio das obras nas próximas semanas. Permitirá o cambio de 900 luminarias do concello por luces LED e a adaptación dos cadros eléctricos, conseguindo un aforro de entre o 60% e o 70% do consumo enerxético.

Por outra banda, Álvaro Vila indicou que o proxecto consistente na realización dunha instalación fotovoltaica para autoconsumo da enerxía da depuradora local xa está executado.

Emilio González salientou que “o apoio económico do Goberno central é fundamental para que os concellos poidan acometer actuacións desta envergadura en materia de eficiencia enerxética, coas que, ademais de apostar polo medio ambiente, se poden facer importantes aforros na economía municipal”.

Así mesmo, analizaron o proxecto de mellora do saneamento e depuración nos núcleos de Espiñeiro, Xociños, Vendanova, Veredo, Alto de Taboadela e Palacios que levará a cabo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e que implicará un investimento superior aos 700.000 euros.

O subdelegado do Goberno explicou que Taboadela tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha 27 entidades de poboación do concello beneficiaranse da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet.

“O obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025. E isto é clave para a dinamización do rural ourensán, garantir a igualdade de oportunidades da súa poboación e afrontar o reto demográfico”, apuntou Emilio González.

Por último, analizaron os fondos que percibirá o concello para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Os 1.255 € que o Executivo central destina a Taboadela contribuirán a axudar mellor aos servizos municipais, que conforman a primeira liña de asistencia ás vítimas de violencia machista, e permitirán financiar programas que se desenvolvan ata xuño de 2022.