Maica Larriba: “Actuacións como a que evitaron o suicidio dunha muller en Pontevedra enaltecen e honran a Policía Nacional”

Acto conmemorativo do Día da policía en Pontevedra

04/10/2021

A subdelegada destacou a capacidade de adaptación do Corpo para afrontar retos como a loita contra a ciberdelicuencia e afirmou que o Goberno seguirá potenciando os equipos técnicos para facer fronte a este tipo de delitos.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu na tarde de hoxe os actos institucionais que se celebraron na Comisaría de Pontevedra con motivo do Día da Policía, aos que tamén asistiu o alcalde, Fernández Lores e a comisaria provincial, Estíbaliz Palma. No transcurso do evento entregáronse condecoracións honoríficas a varios axentes polo seu labor destacado no cumprimento das súas funcións. Estas medallas demostran en palabras da subdelegada “o compromiso firme da Policía na defensa dos dereitos da cidadanía”. Nesta liña, Maica Larriba felicitou publicamente aos axentes que evitaron o suicidio dunha muller hai pouco máis dunha semana en Pontevedra. “Actuacións coma esta demostran un arroxo que engrandece e honra a institución da Policía Nacional”, subliñou.

A subdelegada tamén tivo palabras de agradecemento para para os axentes que participaron na evacuación do persoal diplomático e dos seus colaboradores desde o aeroporto de Afganistán. Foron 20 axentes do Corpo Nacional de Policía que “demostraron solidariedade e compromiso, dous valores que son o mellor exemplo do que realmente é o noso país”. Maica Larriba explicou que a operación Antígona “foi un éxito” e estendeu os seus agradecementos á brigada de Estranxeiría de Pontevedra “pola súa dilixencia á hora de tramitar os permisos para as familias afganas que acollemos na provincia”.

Na súa intervención a subdelegada do goberno en Pontevedra destacou que “a punto de cumprir 200 anos as cousas cambiaron moito en España, pero o compromiso do Policía coa seguridade continúa igual de vixente”. Ao mesmo tempo, puxo de relevo “a capacidade de adaptación do corpo, que será clave para afrontar os novos retos de futuro que a seguridade ten no noso país con total lealdade á cidadanía”.

Entre estes retos Maica Larriba fixo especial fincapé nos delitos relacionados coa ciberdelincuencia “que medran ano a ano e xa representan o 16% de todos os que se cometen”. Deste xeito, afirmou que “o Goberno mantén unha clara aposta pola potenciación dos equipos técnicos e humanos destinados a loitar contra este tipo de delincuencia”.

Finalmente, a subdelegada destacou o esforzo realizado polo Goberno para “recuperar os recortes do pasado” en materia de persoal, lembrando que “durante os últimos tres anos foron case 14.000 as prazas ofertadas para Policía Nacional co obxectivo de paliar o déficit acumulado desde 2008”.