José Miñones subliña o “valor extraordinario” que aportaron as actuacións do Goberno á Catedral de Santiago gracias a investimentos que acadaron os 20 millóns de euros

José Miñones subliña o “valor extraordinario” que aportaron as actuacións do Goberno á Catedral de Santiago gracias a investimentos que acadaron os 20 millóns de euros

30/09/2021

O delegado do Goberno intervén na apertura da mostra Descubrindo a Catedral: Novos achados arqueolóxicos 2017-2021

Reitera o apoio do Executivo de Pedro Sánchez ao Xacobeo con compromisos de futuro que sumarán 300 millóns de euros nos vindeiros anos, a través dos acordos do Real Patronato e o Plan Turístico Xacobeo

A exposición Descubrindo a Catedral permite ver pezas descubertas durante a restauración da escalinata e da cripta que financiou o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana


O delegado do Goberno, José Miñones, subliñou hoxe o “valor extraordinario” que aportaron as obras de restauración que impulsou o Goberno na catedral de Santiago nos últimos anos e que acadaron os 20 millóns de euros a través de varios ministerios. En Santiago, reiterou o apoio inequívoco do Executivo de Pedro Sánchez co Xacobeo e coa promoción dos Camiños, con compromisos de futuro que sumarán 300 millóns de euros nos vindeiros anos, gracias aos acordos do Real Patronato de Santiago e ao Plan Nacional Turístico Xacobeo. 

José Miñones participou esta tarde na apertura da mostra Descubrindo a Catedral: Novos achados arqueolóxicos 2017-2021 que permanece aberta ao público no Pazo de Xelmírez. Esta exposición, organizada pola Fundación Catedral de Santiago, permite visualizar parte dos achados que saíron á luz durante os traballos de restauración da escalinata do Obradoiro e da cripta da Catedral. “Son pezas que levaban ocultas durante séculos e que nos permiten descubrir unha catedral no interior doutra”, afirmou. 

O delegado lembrou que esta actuación foi executada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cun investimento de 1,4 millóns de euros. E engadiu que “cando o Goberno de España impulsou esta obra hai catro anos non esperabamos isto” ao tempo que resaltou o gran valor dos elementos atopados, entre os que se atopan pezas procedentes do proxecto do Mestre Mateo para a catedral.

Compromiso co Xacobeo

Na súa intervención, José Miñones detallou algunhas das actuacións que amosan o compromiso do Executivo de Pedro Sánchez co Xacobeo e cos Camiños de Santiago.

Na catedral compostelá, o Ministerio de Transportes abordou nestes últimos anos a restauración da escalinata e a cripta, o Pórtico Real e o Cimborrio. Xunto a eles, executáronse actuacións sobre a fachada e outros elementos que financiou o Ministerio de Facenda. A totalidade destas inversións suma 20 millóns de euros.

A estas actuacións o delegado sumou os compromisos de futuro, “que se manifestaron hai apenas dous meses cando o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, volveu convocar o Real Padroado 18 anos despois. Unha xuntanza frutífera na que se comprometen, entre todas as administracións, 281,5 millóns de euros de investimento para Santiago”. Compromisos en investimentos e feitos como os que inclúe o Plan Nacional Turístico Xacobeo, presentado este ano, e que programa actuacións por valor de 25 millóns de euros en Galicia.