O subdelegado do Goberno en Ourense recibe á nova directora de Proxecto Home Galicia

O subdelegado do Goberno en Ourense recibe á nova directora de Proxecto Home Galicia

27/09/2021

No encontro analizaron o programa de Comunidade Terapéutica Intrapenitenciaria que se desenvolve no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, recibiu esta mañá á nova directora de Proxecto Home Galicia, Ofelia Debén Rodríguez, acompañada polo director-xerente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo.

Durante o encontro, repasaron iniciativas como o programa de Comunidade Terapéutica Intrapenitenciaria, que se desenvolve no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar dende o ano 2001 e no que participa Proxecto Home para favorecer a rehabilitación e a reinserción social de internos con problemas de adición. Na actualidade, catorce internos do centro penitenciario forman parte do mesmo.

A directora de Proxecto Home Galicia destacou os resultados positivos acadados con este programa e trasladou a disposición da entidade para continuar colaborando e reforzar o mesmo.

Por último, o subdelegado do Goberno subliñou a participación desta entidade no obxectivo diario de que os reclusos superen as súas adicións, así como a labor asistencial e terapéutica que desenvolve cos seus programas e servizos “ante unha realidade que, desgraciadamente, segue formando parte activa da nosa sociedade”.