Isabel Rodríguez reitera o firme apoio do Goberno aos traballadores de Alcoa

Reunión con comité Alcoa

24/07/2020

 A subdelegada lembra que o Goberno está ao lado dos traballadores buscando unha solución que evite o peche anunciado pola multinacional


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, reiterou hoxe o apoio do Goberno aos traballadores de Alcoa e o seu compromiso na busca dunha solución que permita o mantemento dos empregos ameazados pola multinacional.

 

A subdelegada lembrou que o Goberno sempre estivo do lado dos traballadores e recibiu a unha representación do comité de empresa, que realizaron unha acción de protesta esta mañá na Subdelegación, aos que trasladou o absoluto compromiso do Goberno na busca dunha alternativa coa que se poidan asegurar os empregos na fábrica de San Cibrao.

 

Froito dese firme compromiso do Goberno, Isabel Rodríguez lembrou que se están a dar avances na busca dun proxecto de inversión solvente para Alcoa, como saben os sindicatos e como anunciou esta semana no Congreso a ministra de Industria, e tamén se logrou a prórroga do prazo para o ERE anunciado pola empresa.

 

A subdelegada recordou que o Goberno ten sempre as portas abertas aos traballadores de Alcoa e nunca tivo problema en reunirse cos seus representantes para buscar conxuntamente unha saída que evite o peche da planta que pretende levar a cabo a multinacional.

 

Atendendo a petición do comité, a Mesa multisectorial de Alcoa reunirase por videoconferencia a semana que vén.