Convocados os estudantes da provincia a un concurso de relatos curtos e debuxos sobre a violencia de xénero

Imagen de la rueda de prensa

31/10/2018


A subdelegada do Goberno presentou hoxe o novo concurso para o alumnado de Formación Profesional, ESO e Bacharelato


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba presentou hoxe o segundo concurso de relatos curtos e debuxos para o alumnado de Formación Profesional, ESO e Bacharelato da provincia sobre a violencia de xénero.

A subdelegada subliñou que “dirixímonos a 222 centros de ensino da provincia para que os seus educadores propoñan aos seus alumnos e alumnas que participen neste concurso co que pretendemos concienciar aos adolescentes do problema real que supón a violencia contra a muller”. En concreto invitouse a 26 centros do Salnés; 36 centros de Pontevedra; 101 de Vigo; 7 do Deza; 6 de Terra de Montes; 12 do Morrazo; 10 do Baixo Miño, 11 do Val Miñor; 11 do Condado e dous do Paradanta.

Maica Larriba salientou que “con este concurso queremos fomentar a vea artística dos nosos escolares e, ao mesmo tempo, servir de soporte para que os alumnos e alumnas expresen a súa visión sobre a violencia de xénero a través da escritura e o debuxo. Vaia por diante, o noso máximo agradecemento aos educadores e educadoras por colaborar nesta iniciativa.

O concurso establece dúas categorías distintas. Unha para os alumnos de Formación Profesional, básica e ciclo medio e o alumnado de ESO. A outra categoría é para a FP superior e o alumnado de Bacharelato. Establécense tres premios para debuxo e tres premios para o relato curto en cada unha das dúas categorías. Ademais de computadores portátiles, tablets ou cámaras Go-Pro para o gañador ou gañadora, as clases destes premiados terán premios colectivos con visitas á Universidade de Vigo, ao Centro Oceanográfico de Vigo ou unha xornada de seguridade viaria desenvolta pola Dirección Xeral de Tráfico.

O prazo para presentar os traballos finaliza o próximo 8 de novembro ás 24.00 horas a través do rexistro electrónico e ata as 17,30 horas de maneira presencial. Os premios entregaranse nunha gala que se celebrará na sede de AFundación en Pontevedra o próximo día 23 de novembro. Xusto dous días antes da celebración do día contra a violencia de xénero.