ACTO DE INAUGURACIÓN DE LA SEDE DEL COLEGIO DE INGENIEROS DE CAMINOS, CANALES Y PUERTOS DE GALICIA

26/02/2010

A historia da humanidade pódese escribir acudindo ás infraestucturas, aos produtos das diversas ramas da enxeñería civil, como é a de camiños, canles e portos, que hoxe nos ocupa. Son esas obras as que nos revelan as raíces e a evolución dos pobos. Unha proba diso é a cidade que nos acolle, onde un faro bimilenario constitúese no vector de referencia da Coruña no mundo.

Algunhas desas obras son as que fan que uns poucos escollidos pasen á historia por saber aplicar os coñecementos técnicos para facer do imposible unha realidade palpable e útil á sociedade.

Ese foi o caso de Luciano Yordi, a quen tan axeitadamente se lle adica un espazo nesta nova sede do Colexio de Enxeñeiros de Camiños en Galicia. Un galego pioneiro no ámbito da enxeñería hidráulica e civil, con actuacións de gran utilidade, algunhas non exentas de polémica, pero que foron realizadas noutras circunstancias sociais e económicas que xustificaban a súa presencia. Non podemos esquecer, hoxe por hoxe, que o encoro de Cecebre, responsabilidade deste coruñés, segue a manter o abastecemento de auga da cidade da Coruña ao tempo que se converteu en zona de alto valor ecolóxico.

Resulta cando menos curioso que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos inaugure en 2010, conmemoración do Ano Santo Xacobeo, unha nova sede en Galicia.

E isto é así porque non podemos concebir o Xacobeo sen precisamente unha infraestrutura civil, o Camiño de Santiago, que adquire nesta celebración un dos papeis protagonistas. Camiño que, ademais, axudou a construír e forxar Santo Domingo de la Calzada, patrón da enxeñería civil en España, e construtor de pontes, hospitais e calzadas que facilitaron durante séculos o acceso dos peregrinos a Galicia e a Santiago.

Non quixera rematar esta breve intervención miña sen salientar, unha vez máis, a estreita relación que existe entre a Administración Pública e os enxeñeiros de camiños. A primeira, como fornecedora de proxectos e promotora das infraestruturas dun país, e os segundos, como valedores e executores das iniciativas públicas da primeira.

É unha afirmación que saliento hoxe neste auditorio por un motivo fundamental: polo papel que están a xogar estes enxeñeiros no momento actual de Galicia, no que as infraestruturas públicas, a obra civil pública, atravesa un periodo clave con investimentos xamais coñecidos, como o amosan os 1.670 millóns de euros destinados en 2010 a infraestruturas de transporte en Galicia polo Ministerio de Fomento.

A potenciación dos portos, dos aeroportos, das vías terrestres e, sobre todo, a construción das liñas de alta velocidade atlántica e de conexión coa Meseta, esixen da profesionalidade dos enxeñeiros de camiños, que fan realidade os plans das administracións. Soños que foron nun momento pasado e que, hoxe, estánse a construír superando as históricas dificultades orográficas da nosa Galicia. Profesionalidade dos enxeñeiros para facer fronte a estes retos que, no caso galego, supoñen un constante desafío técnico de viadutos, tuneis e pontes, entre outros.

Onte mesmo tiven a oportunidade de asistir ao último cale dun túnel na liña de alta velocidade Ourense-Santiago e estou convencido de que, máis pronto que tarde, dinamizará o tráfico ferroviario de Galicia. Un éxito de todos os cidadáns, pero no que asumides os enxeñeiros un papel protagonista de primeira fila.

Noraboa ao decano do Colexio por esta nova sede. Que sirva para fortalecer os eixos da institución colexial e para acoller novas e prometedoras xeracións de enxeñeiros de camiños.