Cooperación Multilateral ou Sectorial

Mediante a cooperación multilateral búscase facer efectiva a  participación das Comunidades Autónomas na definición do interese xeral,  o apoio á unidade de acción e o respecto ao autogoberno e a diversidade.

As Conferencias Sectoriais son órganos de cooperación multilateral relativos a un sector concreto de actividade pública. Están integradas polo titular do Departamento Ministerial competente e por todos os Conselleiros dos Gobernos autonómicos responsables da mesma materia. Pola súa composición, polo seu número e pola súa actividade constitúen o alicerce principal da cooperación interadministrativa.

Trátase de órganos constituídos para acordar voluntariamente actuacións que melloren o exercicio das competencias que cada Administración Pública ten, poden ter funcións consultivas, decisorias ou de coordinación orientadas a alcanzar acordos sobre materias comúns, coa finalidade de atender aos problemas reais dos cidadáns.

A Lei 40/2015, de 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, establece o seu réxime xurídico nos artigos 147 e seguintes. Cada Conferencia dispón dun Regulamento interno de funcionamento aprobado polos seus membros. As Conferencias Sectoriais haberán de inscribirse no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de cooperación (REOICO) para que resulte válida a súa constitución. A disposición adicional sétima desta Lei ademais prevé respecto da inscrición que aqueles órganos de cooperación que non se reuniron nun prazo de cinco anos desde a súa creación ou nun prazo de cinco anos desde a entrada en vigor da Lei, quedarán extinguidos.

Con carácter xeral contan cun órgano de traballo e apoio, as Comisións Sectoriais, que se encargan de preparar as súas reunións e realizar o seguimento dos acordos adoptados, habitualmente constitúense grupos de traballo para a realización das tarefas técnicas que lles encomenden. Existen na actualidade 42 Conferencias Sectoriais, cun nivel de actividade moi heteroxéneo entre si.