José Miñones anuncia que o Goberno investirá 3 millóns de euros en Pontevedra para potenciar o turismo sustentable e pór en valor o seu patrimonio ambiental e histórico

21/12/2021

Dous millóns de euros destinaranse a promover unha nova estratexia de turismo sustentable co obxecto de impulsar a *enogastronomía e converter a cidade nun referente gastronómico

Ademais, o Ministerio de Industria subvencionará con outro millón de euros a restauración ambiental do conxunto da ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceas, incluíndo a Illa das Esculturas

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio mobiliza máis de 80 millóns de euros a modernización e a transformación do turismo en Galicia e o Xacobeo

O delegado reuniuse en Pontevedra co alcalde do Concello, co tenente alcalde e co equipo de goberno municipal


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou o compromiso do Goberno coa cohesión territorial e o impulso ao turismo sustentable de Galicia e puxo como exemplo a aprobación, esta mesma mañá por parte do Ministerio de Industria, do Plan de Sustentabilidade Turística do Concello de Pontevedra, que supón un investimento de 2 millóns de euros para promover diferentes accións encamiñadas a transformar a cidade nun polo de innovación turística.

José Miñones visitou esta mañá o Concello de Pontevedra para abordar xunto ao seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, co seu tenente alcalde, Tino Fernández, e co equipo de goberno municipal, as accións que se desenvolverán no marco deste Plan, financiado ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e *Resiliencia do Goberno, e que perseguen impulsar a *enogastronomía na cidade, promovendo a marca ‘Pontevedra Capital *Gastro', ademais do embelecemento e posta en valor do centro histórico e zona monumental de Pontevedra.

Entre as actuacións planificadas polo Concello destácase a creación de novas rutas turísticas pola zona vella, as melloras na sinalización dos puntos de interese turístico e o impulso ás novas tecnoloxías, así como a organización de *famtrips, *blogtrips e feiras virtuais. A estratexia recolle tamén o desenvolvemento dun plan de formación para o sector turístico e a creación dun observatorio turístico, así como a constitución dun ente xestor con profesionais cualificados neste ámbito.

O delegado do Goberno quixo pór de relevancia o potencial de Pontevedra, “que é un destino sinalado e de referencia para Galicia e para o conxunto de España, e polo que o Goberno aposta co obxectivo de seguir traballando nunha oferta atractiva e sustentable para o turismo da cidade”.

Xunto a este Plan, o Ministerio de Industria tamén vai subvencionar con outro millón de euros a restauración ambiental do conxunto da Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceas, incluíndo a Illa das Esculturas. Un proxecto, que se desenvolverá a través da Xunta de Galicia, que inclúe a mellora da iluminación e da accesibilidade e a recuperación dun servizo recreativo de barcas.

Así pois, tal e como destacou o delegado, “en total o Goberno de España inxectará 3 millóns de euros en Pontevedra para promover o turismo sustentable e o seu patrimonio e que dan fe do compromiso que o Goberno mantén con Pontevedra e co conxunto de Galicia”.

Más de 80 millones de euros para la modernización turística de Galicia

Na súa intervención, o delegado reiterou o compromiso do Executivo coa modernización e transformación do turismo en Galicia que no último mes traduciuse en acordos que mobilizarán máis de 80 millóns de euros. Neste sentido, Miñones destacou que “desde o Goberno temos a certeza de que o potencial turístico de Galicia non ten límite e estamos en disposición de aproveitalo con investimentos para fomentar un turismo de calidade e sustentable que dinamice a nosa economía e axude á creación de emprego”.