Isabel Rodríguez e Lara Méndez presiden a reunión que analiza o dispositivo de seguridade do San Froilán 2021

27/09/2021

A subdelegada destaca que as forzas de seguridade do Estado colaborarán co Concello para que Lugo goce da festa coas máximas garantías

Rodríguez pide aos lucenses que durante as festas sigan a demostrar a mesma responsabilidade da que fixeron gala desde o comezo da pandemia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, copresidiron hoxe a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se analizou o dispositivo de seguridade das festas do San Froilán 2021. Na xuntanza tamén participaron a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Tareixa Ferreiro, así como responsables da Policía Nacional, a Policía Local, a Policía Autonómica, o Subsector de Tráfico da Garda Civil, os Bombeiros e o servizo de Protección Civil do Concello.

 

Isabel Rodríguez anunciou que as forzas de seguridade do Estado colaborarán estreitamente cos medios e servizos do Concello para que as actividades previstas con motivo do San Froilán se desenvolvan coas máximas garantías tendo en conta as restricións que determinen as autoridades sanitarias.

 

A subdelegada lembrou que este ano a celebración do San Froilán coincidirá co levantamento dalgunhas das restricións establecidas polas autoridades sanitarias de Galicia. En todo caso, Rodríguez fixo un chamamento a cidadáns e hostaleiros para que non deixen de cumprir coas medidas de protección que se manteñan vixentes durante as datas das festas, como poden ser as referidas ao uso da máscara ou o respecto de aforos e distancias de seguridade.

 

Ademais de pedirlle á cidadanía que siga actuando coa mesma responsabilidade da que fixeron gala os lucenses durante o último ano e medio, a subdelegada aproveitou para poñer de manifesto e agradecer o gran esforzo realizado durante todos estes meses polas forzas de seguridade, que traballaron coordinadamente para protexer a saúde dos lucenses.