Isabel Rodríguez destaca que o ano comeza en Lugo con novos investimentos do Goberno para modernizar o ferrocarril

Imagen de la subdelegada

13/01/2021

 A subdelegada do Goberno remarca que “o empeño deste Goberno na modernización do tren de Lugo é unha realidade incontestable, que se reflicte nos acordos do Consello de Ministros, nos Presupostos Xerais do Estado e no Boletín Oficial do Estado”

 Aos investimentos aprobados polo Goberno en decembro súmanse os autorizados onte polo Consello de Ministros para a electrificación da vía Lugo-Monforte-Ourense

 Adif publica hoxe no BOE a licitación de distintas obras por máis de 54 millóns de euros


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, puxo en valor hoxe os investimentos que acometerá este ano o Goberno de Pedro Sánchez co obxectivo de mellorar as comunicacións de Lugo por ferrocarril.

 

A subdelegada destacou que “o ano non pode empezar mellor para as infraestruturas ferroviarias da provincia” e asegurou que “o empeño deste Goberno na modernización do tren é unha realidade incontestable, como queda en evidencia nos acordos tomados nas últimas semanas polo Consello de Ministros, autorizando cuantiosos investimentos propostos polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e na inmediata licitación das obras no Boletín Oficial do Estado, que tamén se reflicte nos Presupostos Xerais do Estado”.

 

“É o compromiso dun Goberno que cumpre a súa palabra”, remarcou a subdelegada quen explicou que “en decembro aprobáronse investimentos por valor de 196 millóns de euros e esta semana temos máis boas novas para os lucenses”. Así, lembrou que “o Consello de Ministros aprobou onte a proposta do Ministerio de Transportes para a licitación de varias obras necesarias para acometer a electrificación da vía entre Lugo, Monforte e Ourense. Concretamente, trátase das obras destinadas á construción da subestación eléctrica de Oural e dos centros de transformación no treito desde Lugo ata Ourense, que teñen un valor estimado, incluíndo o IVE, de case 18 millóns e medio de euros”.

 

Ademais, a subdelegada informou de que hoxe mesmo Adif publica no Boletín Oficial do Estado tres anuncios de licitación para acometer proxectos por máis de 54 millóns de euros cos investimentos que o Goberno autorizou no mes de decembro. Concretamente, trátase das licitacións para a mellora da sinalización e telecomunicacións, a electrificación da liña e o subministro de materiais necesarios para construír o túnel de Oural.