María Rivas aborda coas entidades de prevención e tratamento de adiccións as achegas por 6,6 millóns de euros para mellorar o seu traballo e programas

15/11/2021

A subdelegada coincide na necesidade de establecer un escudo social para non deixar a ninguén atrás

Hai achegas para crear ou mellorar os recursos habitacionais, consolidar programas, aumentar a formación dos profesionais ou mellorar os sistemas de información e apostar polo dixital

María Rivas agradece ás entidades o seu intenso traballo e agarda que continúen co mesmo nivel de implicación


A subdelegada do Goberno, María Rivas, abordou hoxe coas entidades de prevención e tratamento de adiccións as achegas por 6,6 millóns de euros para mellorar o seu traballo e programas. Explicou as catro liñas de financiamento que inclúe a última orde do Ministerio de Sanidade e que ten aberto o prazo para presentación de solicitudes.

“O Ministerio e a ministra Carolina Darias recoñecen o traballo incansable e fundamental destas entidades na materia. Por iso, propón achegas por 6,6 millóns de euros entre este o próximo ano 2022 para elas”, explicou a subdelegada.

Son catro liñas de achegas que recollen un amplo abanico de actuacións, que precisamente está enmarcado nas súas numerosas actividades. Contan con financiamento para proxectos dun mínimo de 20.000 euros e un máximo de trescentos vinte cinco mil 325.000. Son cantidades variables en función dos casos concretos.

Os conceptos incluídos son a mellora dos sistemas de información vinculados á prevención e atención de adiccións, en especial coa dixitalización; a creación e mellora dos recursos habitacionais para persoas consumidoras sen fogar; a consolidación dos programas de prevención de adiccións; e a mellora da capacitación dos profesionais do ámbito.

“Isto responde ao compromiso do Goberno cos colectivos máis vulnerables. Temos un escudo social para non deixar a ninguén atrás. E estas entidades responden a ese obxectivo: tampouco deixan a ninguén atrás”, destacou.

A subdelegada agradeceu ás entidades o seu intenso traballo e agardou que continúen co mesmo nivel de implicación. Interesouse pola súa actividade polas súas experiencias, necesidades e demandas para continuar con este crucial labor.
Na xuntanza participaron Antonio Pazos, de Remar; Carolina López, da Fundación Érguete; Ofelia Debén, de Proxecto Home; Ramón Gómez, da Fundación Monte do Gozo; María José Lamas, da Asociación Emilia Gómez ADAFAD; e Rosario Alabau con Olaia Salorio de ASFEDRO.