Isabel Rodríguez alerta das graves consecuencias das distraccións durante a condución

20/09/2021

A subdelegada do Goberno informa de que as distraccións causaron este ano 51 accidentes con vítimas e 3 persoas perderon a vida por este motivo

A Dirección Xeral de Tráfico, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil, as policías locais e as de outros países europeos realizan unha campaña especial de vixilancia entre o 16 e o 22 de setembro

En Lugo xa se controlaron máis de 6.200 vehículos: 172 condutores non prestaban a debida atención, 61 deles por facer uso do teléfono móbil

Estes días tamén se celebra a Semana Europea da Mobilidade, que quere sensibilizar sobre o uso racional do coche particular en cidade e sobre os beneficios do uso de medios de transporte máis sustentables


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe das graves consecuencias que poden ter as distraccións ao volante que este ano causaron na provincia 51 accidentes con vítimas, nos que perderon a vida 3 persoas.

Rodríguez facilitou estes datos ao tempo que informou sobre a campaña que desenvolve estes días a Xefatura Provincial de Tráfico contra as distraccións ao volante que son unha das principais causas dos accidentes.

Desde que comezou a campaña, o xoves pasado, a Garda Civil controlou máis de 6.200 vehículos. "E os resultados falan por si mesmos", dixo a subdelegada, xa que "nestes catro días detectáronse 172 condutores que non prestaban a debida atención, 61 deles por facer uso do teléfono móbil mentres conducían".

A subdelegada advertiu de que "comportamentos como estes poden custar vidas, así que considero preciso insistir na necesidade de manter a atención cando se conduce un vehículo". 

Esta campaña de vixilancia das distraccións vaise desenvolver ata o mércores que vén e faise coincidir coa Semana Europea da Mobilidade, coa que se trata de sensibilizar sobre a importancia do uso do transporte público.

A CAMPAÑA

Pola súa parte, o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, explicou que desde o 16 de setembro e ata o próximo día 22, a Dirección Xeral de Tráfico vén realizando unha campaña específica de vixilancia das distraccións na condución, que en 2020 cobráronse máis de 300 vidas en España, 3 delas na provincia de Lugo, dentro da campaña  Operation Focus  on  the  Road que desenvolve a nivel europeo a asociación RoadPol (European  Roads  Policing  Network) e que este ano se fixo coincidir coa Semana Europea da Mobilidade.

Se no conxunto do Estado, durante 2020 a condución distraída ou desatenta estivo presente no 31% dos accidentes mortais, rexistrando un incremento de 3 puntos respecto a 2019, a provincia de Lugo esquivou o ano pasado esa tendencia, con 2 vítimas mortais menos que en 2019.

Aínda que ese dato é esperanzador, con todo, no que vai de 2021 xa perderon a vida 3 persoas por esta causa, o que ata o momento supón un 37,5% dos accidentes mortais,  3 resultaron feridas hospitalizadas (15% do total dese grupo de vítimas) e 45 feridas non hospitalizadas (case o 30%).

DISTRACCIÓNS EVITABLES

Apartar os ollos da estrada, sexa pola razón que sexa, implica sempre un grave risco, non soamente porque deixamos de ver o que sucede ante nós senón porque esa perda de atención moi probablemente vainos a impedir entender e interpretar a tempo mesmo o que vemos.

Un dos principais motivos que xera a distracción do condutor é a utilización do teléfono móbil durante a condución. O seu uso multiplica por catro o risco de sufrir un accidente e o risco é equiparable á condución con exceso de alcol.

Un condutor que fala mentres conduce perde a capacidade de manter unha velocidade constante, non garda a distancia de seguridade suficiente co vehículo que circula diante e o tempo de reacción aumenta considerablemente (entre medio e dous segundos, en función dos reflexos do condutor). Ademais, a maior velocidade maior risco de que unha distracción provoque un accidente: a 120 km/ h, en 3 segundos, percorrerase unha distancia superior á dun campo de fútbol.

As distraccións provocan accidentes por saída da vía, choques co vehículo precedente ou atropelos que poden ter desenlaces fatais. Por todo isto, a DXT fai de novo un chamamento á responsabilidade dos cidadáns (condutores ou non) para:

-            Desconectar o móbil sen mans libres mentres se conduce.

-            Evitar no posible o uso de mans libres, xa que produce distraccións, sinais que non ven, maior tempo de reacción, manobras sen sinalizar, etc.

-            Disuadir aos condutores de chamar ou coller o móbil mentres se conduce e non chamar no posible a quen sei que vai conducindo.

-            Como peóns, entender que o móbil tamén nos fai camiñar alleos aos riscos viarios cando imos  abstraídos nunha conversación.

-            Evitar outras fontes de distracción como manipular o sistema de  infoentretemento ou o navegador, así como fumar mentres se conduce.

As estatísticas ata o 18 de setembro de 2021 indican que os accidentes con vítimas debidos ás distraccións producíronse en todo tipo de estradas, desde autovías a secundarias. En máis da terceira parte dos casos a distracción non foi a única causa do accidente, senón que resultou agravada por outras como o consumo de alcol e a velocidade excesiva ou inadecuada.

Por iso, durante a campaña o Sector de Galicia da Garda  Civil de Tráfico está a reforzar a vixilancia, á que se incorporaron vehículos como camións e furgonetas sen rotulación específica que desenvolven a súa actividade naqueles tramos con maior intensidade de circulación e maior incidencia deste tipo de infraccións.

Ata onte pola noite controláronse máis de 6.200 vehículos na provincia, detectándose que 172 condutores non prestaban a debida atención. Deles, 61 facían uso manual do teléfono móbil e mesmo se detectaron 10 lendo algún papel documento ao volante, o que tamén é absolutamente incompatible coa atención necesaria na estrada.

CHAMAMENTO Á PRECAUCIÓN NO OUTONO

No que vai de ano rexistráronse 8 vítimas mortais en vías interurbanas, unha máis que durante o mesmo período de 2020, aínda que cun índice de mobilidade maior que o ano pasado como consecuencia do progresivo levantamento das restricións debidas á pandemia. En cambio, rexistrouse un 22% menos de accidentes con persoas feridas hospitalizadas (22 fronte a 28) e un 11% menos de accidentes con vítimas en total.

Con todo, durante os últimos anos, os meses de outono adoitan ser a época do ano máis tráxica na provincia: 11 falecidos en 2018 durante o período setembro-decembro, 7 en 2019 e 6 en 2020. En 2021 non se rexistraron vítimas mortais durante xullo e agosto na provincia, pero setembro xa se cobrado dúas vidas na estrada: un peón e un condutor de motocicleta.

Preocupan especialmente os atropelos a peóns e os sinistros nos que ven involucradas motocicletas, que tamén teñen habitualmente como causa  unha distracción ou a velocidade excesiva ou inadecuada, agravadas pola menor visibilidade e a climatoloxía máis desfavorable propia da estación que comeza nuns días.

Ata o 18 de setembro, a velocidade estivo detrás dun de cada dous accidentes mortais, e a distracción en máis dunha terceira parte. E son condutas evitables co compromiso de todos.

SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

Durante estes mesmos días o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coordina a celebración da 20ª Semana Europea da Mobilidade, que pretende sensibilizar tanto aos responsables políticos como aos cidadáns, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, así como sobre os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé.

O tema elixido pola Comisión Europea para a campaña deste ano 2021 é “Mobilidade sostible, saudable e segura” e o lema é "Pola túa saúde, móvete de forma sostible".

Dentro dela, o 22 de setembro celébrase ademais o evento O día sen coches!, que pretende fomentar a reflexión sobre novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades.

A Dirección Xeral de Tráfico participa habitualmente nesta iniciativa. Nesta edición, ademais da campaña de vixilancia, a Xefatura Provincial e o Subsector de Tráfico da Garda Civil desenvolverán accións dirixidas aos usuarios máis vulnerables (peóns e ciclistas, con especial atención aos peregrinos do Camiño de Santiago, así como motociclistas), que inclúen o reparto de elementos reflectantes e material informativo.