Salceda de Caselas é o primeiro concello da provincia en renovar o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

Salceda de Caselas é o primeiro concello da provincia en renovar o protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para a protección de vítimas de violencia de xénero

17/11/2020

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe o acto de ratificación do novo protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero –Vioxén-, subscrito pola alcaldesa de Salceda de Caselas e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

A subdelegada do Goberno, Maica   Larriba, presidiu esta mañá o acto de subscrición do novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local de Salceda no marco do programa de seguimento integral das vítimas de  violencia de xénero VioXén. O documento foi asinado pola alcaldesa da localidade, Loli Castiñeira, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal.

Salceda é o primeiro concello da provincia que procede a renovación deste documento, o primeiro trámite e fundamental, que deben formalizar todos aqueles  municipios que desexen permanecer dentro do sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas e adecúase ás referencias normativas actuais. Agora, o Concello de Salceda está á espera da ratificación por parte da Secretaría de Estado de Seguridade do convenio para poder incorporar o corpo de Policía Local ao sistema de seguimento.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quixo felicitar “á alcaldesa de Salceda, á Garda Civil e á Subdelegación polo novo acordo, imprescindible para que forzas e corpos de seguridade local e estatal poidan colaborar, compartir información e traballar coordinadamente, optimizando os seus recursos e garantindo o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero”.

En particular, o novo protocolo delimita as funcións da Policía Local no ámbito da violencia de xénero e define o seguimento e reparto dos casos, o que “permite sumar máis efectivos á protección daquelas mulleres que máis nos precisan, as vítimas", recalcou Larriba. A subdelegada lembrou que “para o actual Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado totalmente prioritaria, e por iso, desde a Subdelegación seguiremos impulsando todas aquelas accións encamiñadas a combater esta eiva social en colaboración con todas as administracións”.

Pola súa banda, Loli Castiñeira quixo subliñar o simbolismo de que sexa “unha muller alcaldesa e que lidera tamén unha corporación con maioría feminina, a primeira da provincia en firmar este protocolo que permite que as diferentes administracións unidas traballen a prol do máis importante, a protección daquelas mulleres que nos necesitan con anticipación, coordinación e resultados efectivos”. 

Unha rede para garantir o seguimento e protección ás vítimas

O Sistema de Seguimento Integral VioXén foi posto en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas, en calquera parte do territorio español, así como de aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos. En Pontevedra, son doce os concellos adheridos a este sistema: Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Pontevedra, O Grove, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

1.095 casos de violencia de xénero na provincia

A subdelegada do Goberno informou onte de que “na provincia rexístranse na actualidade 1.095 casos activos de violencia de xénero”, segundo os datos que constan no Sistema de Seguimento Integral Vioxén. Atendendo a distribución das vítimas por grupos de idade, 7 son menores de 18 anos; 272 teñen entre 18 e 30 anos; 486, entre 31 e 45 anos; 288, entre 46 a 64 anos; e 42, 65 anos ou máis. Ademais, no que vai de ano, o 016 – o servizo gratuíto e telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero- recibiu 792 chamadas desde a provincia.

Por último, Larriba quixo subliñar que “cando falamos de violencia de xénero, ningunha cifra é aceptable. Estes datos evidencian a necesidade de seguir conmemorando datas coma o do próximo 25 de novembro para continuar avanzando na erradicación da violencia machista da nosa sociedade”.