A subdelegada do Goberno en Lugo destaca que o BOE materializa hoxe investimentos na línea ferroviaria de Monforte-Ourense por valor superior a 15,6 millóns de euros
20/11/2019
Fomento publica hoxe no BOE dous anuncios de ADIF de licitación e de formalización de contratos para melloras nesta liña
Estes contratos enmárcanse nas actuacións de modernización do traxecto ferroviario Ourense-Monforte-Lugo promovidas por Adif
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, celebra que o Boletín Oficial do Estado materialice na súa edición de hoxe investimentos do Goberno por valor de 15.631.889 euros na mellora da liña ferroviaria entre Monforte e Ourense. Así, o BOE publica a licitación de ADIF das melloras das instalacións de sinalización e telecomunicacións deste trazado e tamén a formalización do contrato de ADIF para as obras de reparacións de desmontes nun tramo do mesmo. Os traballos enmárcanse nas actuacións de modernización do traxecto ferroviario Ourense-Monforte-Lugo promovidas por Adif.
O contrato de maior cuantía é a execución do proxecto construtivo para a mellora das instalacións de sinalización e telecomunicacións, que se licita por un importe de 12.652.223,06 euros. Este proxecto forma parte dun conxunto de actuacións relacionadas co cambio de electrificación, de 3 kV a 25 kV, no traxecto Monforte-Ourense, co que se conseguirá aumentar a fiabilidade, capacidade e competitividade do tramo.
As principais actuacións contempladas neste contrato son as seguintes:
- Renovación dos motores de agulla para desvíos existentes en todas as estacións e aumento do número de motores en Barra de Miño, Os Peares, San Estevo do Sil e Canabal.
- Substitución de sinais luminosos de focos incandescentes por outras de tipo LED.
- Substitución de balizas ASFA por balizas ASFA Dixital.
- Substitución de cableado de sinalización e telecomunicacións.
- Tendido de novo cableado de fibra óptica para servizos exclusivos de Adif e dotación de equipos de rede IP nas estacións para a migración dos servizos ferroviarios.
REPARACIÓN DE DESMONTES
O contrato de reparación de desmontes situados entre os PP.KK. 34,750 e 43,220 foi adxudicado á empresa “Construcciones Taboada y Ramos” por un importe de 2.979.66,14 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 13 meses. Esta actuación, que se desenvolve na parte que transcorre pola provincia de Ourense, reparará once desmontes situados na liña co obxectivo de reforzar a seguridade e estabilidade da infraestrutura ferroviaria.