María Rivas salienta a acción decidida do Goberno polo benestar animal e reclama responsabilidade social fronte ao abandono

María Rivas salienta a acción decidida do Goberno polo benestar animal e reclama responsabilidade social fronte ao abandono

12/01/2022

A subdelegada do Goberno pon en valor o traballo da asociación protectora de animais Gatocan que coincide coas iniciativas do Executivo

María Rivas lembra que o Goberno traballa no Anteproxecto de Lei de Protección Animal e lamenta as máis de 200 actuacións que tivo que facer o SEPRONA o ano pasado na provincia por maltrato animal

A subdelegada repasa a entrada en vigor este mes dos cambios no Código Civil para deixar de considerar aos animais como obxectos e igualar a normativa de España coa de Alemania, Francia ou Portugal

A campaña VIOPET sirve para dar acollida aos animais de vítimas de violencia machista

A asociación Gatocan acumula quince anos de traballo con máis de 240 animais no seu refuxio


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, salientou hoxe a acción decidida do Executivo polo benestar animal e reclamou responsabilidade social fronte ao abandono. Expresouse así durante unha visita á asociación protectora de animais Gatocan, onde foi recibida pola súa presidenta, Beatriz Martín.

María Rivas repasou a entrada en vigor este mes dos cambios no Código Civil para deixar de considerar aos animais como obxectos e igualar a normativa de España coa de Alemania, Francia ou Portugal. A nova consideración dos animais evita que estes poidan ser obxectos de embargos e aborda a súa situación en caso de separación de parellas. Os seus malos tratos son unha causa de perda da custodia.

É unha das múltiples iniciativas do Goberno neste ámbito, que se une ás campañas da Dirección Xeral de Dereitos Animais contra o abandono. O Executivo tamén traballa no Anteproxecto de Lei de Protección Animal, que velará polo benestar e o sacrificio cero. Incluirá medidas para a regulación da vida dos animais domésticos e as súas condicións.

A subdelegada lamentou as 208 actuacións que levou a cabo o SEPRONA o ano pasado por maltrato animal na provincia. Lembrou que son casos habituais, que só entre 2019 e 2020 sumaron 58 delitos na provincia e 725 infraccións administrativas. Vinculadas exclusivamente con cans, nos últimos tres anos foron 545 das que 26 foron delitos.

María Rivas destacou a importancia do programa VIOPET, que acolle, de forma temporal, aos animais de mulleres vítimas de violencia machista. Esta iniciativa xorde da Dirección Xeral de Dereitos dos animais e o Observatorio de Violencia Cara aos Animais no marco do Plan de Continxencia contra a Violencia de Xénero ante a crise da COVID19.

Explicou que un estudo de 2012 atopou que o 59% das mulleres maltratadas atrasaron deixar o fogar por medo a abandonar aos seus animais. Por iso, o  obxectivo principal do proxecto é intervir de maneira colaborativa con Servizos Sociais que xestionen casos de violencia machista onde se detecten vítimas que conviven con animais.

No caso de que a vítima non teña un lugar seguro para o seu animal de compañía, activarase a parte do protocolo para buscar acollida para este. O aloxamento poderá ser nunha protectora, unha residencia ou unha casa de acollida. O teléfono de contacto para as vítimas é o 673565330.

A subdelegada agradeceu o intenso traballo da entidade. A asociación Gatocan acumula quince anos de traballo con máis de 240 animais no seu refuxio. Trátase dunha entidade sen ánimo de lucro con actividade asistencial, social e xurídica que conta con 1.150 socios e socias e un traballo de moito valor na área da Coruña.