Emilio González lembra á cidadanía a necesidade de facerse ver nas estradas para minimizar o risco de sufrir un atropelo

19/11/2021

Insiste na necesidade de usar estos dispositivos, que supoñen un seguro de vida para evitar o impacto dun vehículo ademáis de ser unha obriga recollida na normativa

A Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense xunto coa Garda Civil repartirán chalecos reflectantes entre os peóns que detecten que non usan este elemento na provincia

No que vai de ano, faleceron por atropelo dúas persoas nas vías da provincia e 22 resultaron feridas


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, insistiu hoxe á cidadanía na necesidade de facerse ver cando camiñan xunto ás estradas para minimizar o risco de sufrir un atropelo. Fíxooo durante a presentación esta mañá dunha campaña especial de prevención de atropelos nas estradas da provincia que desenvolverán dende hoxe conxuntamente a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense e o Subsector de Tráfico da Garda Civil. Na presentación tamén participaron o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; a xefa de sección de Tráfico, Estrella Garrido, e o tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Juan Carlos Nogueiras.

Nesta época, con menos horas de luz e peores condicións de visibilidade, Emilio González apelou a que tódolos cidadáns porten elementos reflectantes nos seus desprazamentos a pé polas vías, xa que, ademáis de ser obrigatorio por lei, supón un seguro de vida nestes traxectos.

Lembrou que este ano faleceron 2 persoas e 22 peóns resultaron feridos por atropelos nas estradas ourensá. Durante o ano pasado a cifra de falecidos por atropelo foi tamén de dous e os feridos foron 13, menos que este ano.

Esta campaña realízase na provincia de Ourense nos últimos anos co obxectivo de concienciar aos peóns e ao resto de usuarios cos que conviven sobre a importancia de facerse ver na estrada e asegurarse así de que son vistos polos condutores de vehículos.

O xefe de Tráfico detallou que durante os próximos días os axentes do Subsector da Garda Civil entregarán chalecos reflectores a aqueles camiñantes, peóns,  peregrinos…que se desprazan polas vías sen facer uso deste tipo de pezas. Así mesmo, entregaranse  aos asistentes ás  charlas  que se organicen desde a Xefatura de Tráfico en determinados centros e asociacións.

A dotación inicial para repartición na estrada serán 400 chalecos nesta provincia de Ourense.