María Rivas afirma que a Cidade das TIC é o proxecto “que conecta A Coruña e Galicia co resto do mundo en materia de investigación en I+D+I”

04/11/2021

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno sitúa a dixitalización como un dos puntos clave, cun terzo dos fondos, 25.000 millóns de euros ata 2023

A subdelegada lembra o total compromiso do Goberno co proxecto, tanto coa concesión dos terreos como coas políticas que desenvolve na actualidade

María Rivas agradece o consenso institucional amosado con esta iniciativa


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, afirmou hoxe que a Cidade das TIC é o proxecto “que conecta A Coruña e Galicia co resto do mundo en materia de investigación en I+D+I”. Expresouse así durante a inauguración do curso “A Cidade das TIC: Construíndo un futuro dixital”, organizado pola Universidade da Coruña (UDC) e pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).

“A Cidade das TIC é desde logo unha gran oportunidade. Para A Coruña e para Galicia. É un proxecto que conecta A Coruña e Galicia co resto do mundo en materia de investigación en I+D+I”, afirmou acompañada polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a directora da UIMP en Galicia, Obdulia Taboadela, entre outras autoridades.

María Rivas apostou por “aproveitar ao máximo as sinerxias” que proporciona o proxecto, que cualificou como “o mellor escaparate para mostrar as fortalezas da investigación e a industria tecnolóxica de Galicia e para captar investimentos e proxectos nun claro exemplo de colaboración público-privada en beneficio da sociedade”.

A subdelegada agradeceu o consenso institucional amosado con esta iniciativa. O Ministerio de Defensa coa súa titular, Margarita Robles, xunto coa UDC, o Concello e a Xunta fixeron posible que poida ser unha realidade, en primeiro lugar coa concesión dos terreos, propiedade do Goberno.

“A Universidade e a cidade da Coruña saben que contan co total respaldo do Goberno para desenvolver e afianzar a Cidade das TIC porque é consciente de que é o futuro, un futuro que xa está aquí e do que non pode quedar fose a área metropolitana coruñesa e Galicia”, engadiu.

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno sitúa a dixitalización como un dos puntos clave, cun terzo dos fondos, 25.000 millóns de euros ata 2023.

“É unha oportunidade extraordinaria como tamén o é a Cidade das TIC para impulsar a recuperación e abordar unha modernización da economía, co desenvolvemento dunha estratexia nacional de intelixencia artificial ou a reforma institucional e o fortalecemento das capacidades do sistema nacional de ciencia, tecnoloxía e innovación”, rematou.