José Miñones destaca que o Goberno apoia a modernización da Formación Profesional en Galicia con 21 M€ do Plan de Recuperación que permitirán crear 3.500 novas prazas

18/10/2021

O Boletín Oficial do Estado concreta as actuacións que recibirán fondos europeos na presente anualidade así como o reparto entre comunidades

José Miñones explica que esta orde inclúe fondos para acreditar 27.800 competencias profesionais e formar a 1.572 profesores e profesoras

Tamén se impulsará a creación de 45 grupos de educación bilingüe, 28 aulas de emprendemento e a conversión de 14 aulas en espazos de tecnoloxía aplicada

Con esta transferencia, o Goberno materializa o acordo adoptado na Conferencia Sectorial de Educación do pasado mes de xullo


O delegado do Goberno, José Miñones, destacou hoxe que o Goberno transfire á Xunta 21 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para desenvolver este ano o Plan de Modernización da Formación Profesional. Esta cantidade permitirá en Galicia, entre outras actuacións, a creación de preto de 3.500 prazas educativas e a formación de 1.572 profesores e profesoras, cumprindo co marcado no compoñente 20 do Plan de Recuperación.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a resolución do Ministerio de Educación e Formación Profesional que materializa a distribución para este ano dos fondos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e  Resiliencia dedicados ao impulso do Plan de Modernización da Formación Profesional que está a desenvolver o Goberno de España.

Nesta distribución, José Miñones remarcou que a Xunta recibe 6,56 millóns de euros para o redimensionamento da oferta formativa de Formación Profesional durante o curso 2021-2022, coa creación de 3.484 prazas, dentro do obxectivo do Goberno de consolidar esta oferta educativa. Esta ampliación de prazas continuará nos vindeiros cursos ata o 2023.

O delegado tamén puxo de relevo a aposta polo desenvolvemento do novo sistema de avaliación e acreditación permanente de competencias básicas e profesionais. Galicia recibe nesta anualidade 7,2 millóns de euros co que se prevé acreditar as competencias de máis de 27.800 traballadores e traballadoras este ano. José Miñones lembrou que, segundo a EPA, o 46% da poboación activa carece de acreditación profesional, a pesar de desempeñar a súa actividade laboral a diario, o que dificulta o seu acceso a mellores empregos e mellores condicións laborais.

Ciclos bilingües de Formación Profesional

O delegado do Goberno detallou que a resolución do Ministerio de Educación tamén recolle fondos destinados á conversión de ciclos de grao medio e grao superior en bilingües. Para o presente exercicio económico, o Ministerio achega á Consellería de Educación 6 millóns de euros cos que poderá crear en Galicia 45 grupos de alumnos con educación bilingüe.

A distribución de fondos publicada hoxe tamén recolle a conversión de aulas en espazos de tecnoloxía aplicada cun investimento para este ano de 772.775 euros. Neste exercicio actuarase sobre 14 aulas en Galicia, que se transformarán en espazos máis aproximados aos entornos de traballo profesional.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional tamén asigna este ano a Galicia outros 300.000 euros á creación de 28 aulas de emprendemento, potenciando así os recursos necesarios para que os estudantes poidan crear os seus propios proxectos empresariais facilitándolles os medios e unha orientación profesional que lles axude a alcanzar os seus proxectos.

En canto á liña relativa á formación en dixitalización e sustentabilidade aplicada aos sectores produtivos, o Goberno asigna a Galicia 155.545 euros para a formación de 1.572 docentes, que poderá realizarse de forma presencial ou online.

Plan de Recuperación

Os 21 millóns de euros que recibe a Xunta a través da resolución que publica o BOE forman parte do investimento total de 2.075,4 millóns de euros que o Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia do Goberno de España destina á modernización do sistema de Formación Profesional ata 2023.

A distribución entre as CCAA lévase a cabo a través dun Programa de Cooperación Territorial Extraordinario, dacordo con diversos criterios relacionados coa poboación activa, a dispersión xeográfica, o número de empresas ou o perfil demográfico, entre outros.