A subdelegada do Goberno en Lugo destaca a importancia da implicación municipal na loita contra a violencia de xénero

A subdelegada do Goberno en Lugo destaca a importancia da implicación municipal na loita contra a violencia de xénero

21/11/2018


A subdelegada felicitouse porque xa son trece os concellos da provincia que contan con Mesa Local contra a Violencia de Xénero

A implicación dos concellos recibiu un pulo coa reforma lexislativa do Goberno Sánchez que devolveu competencias en Igualdade aos municipios


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe na sesión de constitución da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero de Outeiro de Rei. O acto tivo lugar esta mañá na Casa do Concello e reuniu a representantes de todas as institucións e entidades que xogan algún papel na prevención e loita contra a violencia de xénero. Ademais da subdelegada do Goberno e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, na xuntanza participaron a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller e o sarxento da Garda Civil de Rábade, así como distintos representantes municipais e de sectores como o ensino.

A subdelegada do Goberno explicou que Outeiro de Rei é o segundo concello da provincia que crea unha Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero tras o pulo dado polo Goberno Sánchez coa reforma lexislativa que devolveu competencias en materia de Igualdade á administración municipal. Isabel Rodríguez mostrou a súa satisfacción pola decisión do concello de Outeiro de Rei de sumarse aos municipios que toman a iniciativa de implicarse directamente na prevención e a loita contra esta lacra, un compromiso que xa teñen asumido 13 concellos da provincia que contan con Mesas Locais de Coordinación.

PRIORIDADE PARA O GOBERNO

A subdelegada lembrou que a loita contra violencia de xénero é unha prioridade absoluta para o Goberno de España, como o demostra o feito de que unha das primeiras medidas adoptadas polo Executivo foi a modificación lexislativa que devolve aos concellos, a administración máis próxima aos cidadáns, as competencias en materia de igualdade e de violencia de xénero, que vai acompañada da transferencia de recursos económicos para que poidan poñer en práctica políticas nesta materia. Para o que queda deste ano 2018, o Estado destina a este fin 20 millóns de euros e para o ano que vén serán 40 millóns de euros. O 70% destes fondos repártense equitativamente entre todos os municipios e o 30% restante adícase só aos concellos que están adscritos ao programa Viogén de protección das vítimas.

A distribución das achegas que recibirán todos os concellos faise partindo dunha cantidade fixa de 689 euros por municipio á que se engade  outra cantidade variable que se obtén multiplicando por 0,18 o número de habitantes de cada concello, tomando como referencia o padrón de 1 de xaneiro de 2017.

SISTEMA VIOGÉN

A nova normativa establece que recibirán unha achega adicional os concellos que estean adheridos ao Sistema de Seguemento Integral de Violencia de Xénero (Viogén), xa que se reserva para este fin unha parte do fondo estatal. Estes posibles remanentes serán distribuídos proporcionalmente entre todos os municipios que participen no  Viogén.

A subdelegada do Goberno anunciou que ten previsto enviar cartas a todos os concellos da provincia para informalos das medidas aprobadas polo Executivo e animalos a adherirse ao Sistema de Seguemento Integral da Violencia de Xénero.

Este sistema creouno a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior en 2007 co obxectivo de aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero, integrar toda a información de interese que se estime necesaqria, facer predicción de posibles riscos, atendendo ao nivel de risco, realizar seguemento e protección das vítimas en todo o territorio nacional, efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas mediante o “Subsistema de Notificacións automatizadas”, cando se detecte alguna incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.