INTERVENCIÓN DO DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA, ANTÓN LOURO, NA PRESENTACIÓN DA MEMORIA 2008 DA
ADMINISTRACIÓN XERAL DO ESTADO EN GALICIA

 INTERVENCIÓN DO DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA, ANTÓN LOURO, NA PRESENTACIÓN DA MEMORIA 2008 DA
<br/>ADMINISTRACIÓN XERAL DO ESTADO EN GALICIA
<br/>

28/07/2009

Presentamos hoxe aquí, cos subdelegados do Goberno da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, a Memoria 2008 da Administración Xeral do Estado na Comunidade Autónoma.

Non quixera comezar esta intervención sen mencionar previamente ao meu antecesor e bo amigo, Manuel Ameijeiras, responsable desta Delegación do Goberno no período que comprende a Memoria que hoxe teño o honor de presentar.

E digo honor porque, para quen lles fala, ser delegado do Goberno da súa Comunidade Autónoma é un enorme orgullo, parello evidentemente a unha grande responsabilidade. Porque nestes tres meses que levo á fronte da Delegación, tiven xa ocasión de constatar a enorme dedicación e profesionalidade de todo o persoal ao servizo da Administración Xeral do Estado, así como a importancia cuantitativa e cualitativa que supón a actuación do Goberno de España en Galicia.

Porque o Goberno de España destinou a Galicia máis de 2.000 millóns de euros no ano 2008, o que constata o compromiso do Gobierno presidido por José Luís Rodríguez Zapatero con esta terra e que supón triplicar o investimento anual medio durante o período 1997-2004 (645 millóns de euros).

Porque ese compromiso modernizador con Galicia significa que ano tras ano a porcentaxe de investimento estatal na nosa comunidade supere o 8%, porcentaxe moi superior ao da nosa poboación e a nosa achega ao PIB do conxunto do Estado.

Dito doutro xeito, as políticas do Goberno diríxense ás persoas e a acción do Executivo do presidente Zapatero supón que un cidadán galego reciba unha porcentaxe de investimento, en termo per cápita, un 34% por riba da media nacional, corrixindo a situación anterior, que se traducía en investimentos un 10% por debaixo da media durante o período 1997-2004.

Políticas dirixidas a atender as necesidades reais da cidadanía, o que se traduce, por exemplo, en que no 2008 se puxeran en marcha iniciativas novidosas para facer fronte á crise económica, como o Plan Español para o Estímulo da Economía e o Emprego, coñecido popularmente como Plan E, e concretamente o Fondo Estatal de Investimento Local que, con 8.000 millóns de euros, mobilizou grande cantidade de recursos locais e permitiu a contratación de 400.000 persoas en toda España, supoñendo un investimento en Galicia próximo aos 500 millóns de euros e, o que é máis importante, permitindo crear a día de hoxe 23.000 empregos en Galicia, superando as previsións iniciais.

E traio aquí a colación esta actuación porque a Administración Xeral do Estado xestionouna electronicamente, a través da web do Ministerio de Administracións Públicas, hoxe Ministerio de Política Territorial, e cun papel moi activo por parte das Subdelegacións do Goberno. Este fito tecnolóxico aforrou tempo e montañas de papel e demostrou que a burocracia pública pode ser tan eficiente como a empresa máis punteira.

Isto é o gran pistoletazo de saída para a administración electrónica do século XXI, na que a nosa Administración, a Xeral do Estado, está abrindo camiño ás demais.

Centrándonos no que recolle a Memoria convén salientar que traballaban a decembro de 2008 na Administración Xeral do Estado, en Galicia, 20.113 empregados públicos, dos que o seu maior número corresponde ao Ministerio do Interior, 6.902 (sen contar os 5.000 gardas civís, que teñen carácter militar); ao que segue Fomento, con 5.835 empregados públicos, e Traballo, con 3.198, dos que a cifra máis importante corresponde ás Entidades Xestoras da Seguridade Social (INSS, Tesouraría e ISM). Así mesmo, outras 6.906 persoas desenvolven a súa actividade laboral na nosa Comunidade Autónoma en Entidades Públicas Empresariais e Sociedades Mercantís de capital público, correspondendo ao grupo Tragsa 2.541 traballadores, seguido de Navantia, 2.362; ADIF, 676; Renfe Operadora, 534; e Paradores de Turismo, 509 empregados.

Como dicía ao comezo, produciuse no 2008 un investimento récord do Estado en Galicia, correspondendo a súa parte máis importante a Fomento. O investimento realizado polo grupo de Fomento no 2008 foi de 1.210 millóns de euros.

Cando digo “grupo” Fomento, estoume a referir ao Ministerio e aos organismos autónomos por un lado, e ás entidades públicas polo outro. O formidable desta cifra dáo a súa comparación coa media de investimento anual entre 1997 e 2004, que foi de 371 millóns de euros.

E se firme era xa o compromiso do Goberno do Estado coas infraestruturas galegas, a presencia do novo ministro de Fomento supón a garantía de que este esforzo inversor incrementarase aínda máis, como o demostra a firma o pasado 21 de xullo do Protocolo para o desenvolvemento da rede de alta velocidade en Galicia, o que implica un volume inversor de 4.700 millóns nos próximos anos.

Certo é que a crise global fíxose notar e o total da recadación tributaria estatal en Galicia caeu un 12,6 por cento con respecto ao ano anterior. Recadamos un 2,5 por cento menos que en 2007 no IRPF, e no imposto de sociedades a recadación caeu un 23,5 por cento. No IVA produciuse unha baixada do 18,3 por cento con respecto ao 2007.

E tamén tivemos unha caída na afiliación á Seguridade Social con respecto ao 2007, do 2,9 por cento; non obstante, a 31 de decembro de 2008 había en Galicia un millón sesenta e catro mil cento oitenta e seis afiliados á Seguridade Social.

A cifra de pensionistas mantense estable, con 707.335 pensionistas, 595 menos que o ano anterior. Sen embargo, a pesar da redución do número de cotizantes, a recadación de cotas pola Tesouraría da Seguridade Social acadou os cinco mil trescentos setenta e catro millóns de euros, superando nun 7% a recadación do 2007.

Polo que respecta á actividade das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, producíronse no 2008 máis detencións e máis comisos na actuación contra o tráfico ilícito de drogas:

No 2007 houbo 858 detidos por tráfico de drogas e no 2008 chegamos a 872.

En canto aos comisos, pasamos de 11.296 no ano 2007 a 12.205 comisos no 2008.

Temos unha das taxas de criminalidade máis baixas de toda España. Situámonos os últimos anos entre as dúas ou tres comunidades autónomas máis seguras de España e aí continuamos. Os datos de 2008 sitúan a nosa taxa de criminalidade no 26,8.

Non obstante, incrementouse o número de delitos contra a seguridade vial, que pasaron de 1.314 no 2007 a 2.846 no 2008. A reforma do Código Penal que converteu en delitos determinadas condutas, anteriormente só sancionadas no ámbito administrativo, é a causa dun leve incremento de 5 décimas na nosa taxa de criminalidade. O dito doutra forma, se se desconta o incremento dos delitos contra a seguridade vial producido no 2008, teriamos mellorado aínda máis a nosa taxa de criminalidade.

Para situarnos no contexto español e europeo valla dicir que, fronte ás nosas 26,8 infraccións penais por mil habitantes, a media española é de 47,6, estando España moi por debaixo da media da Unión Europea, que é de 70,4 infraccións penais por mil habitantes. A taxa galega situase moi próxima á de Irlanda que, cun 25,2, é o país europeo máis seguro.

Non quixera rematar a miña intervención sen referirme á importante redución do número de vítimas mortais no tráfico por estrada.

A mellora no 2008 da seguridade vial nas nosas estradas significou un descenso moi notorio do número de vítimas mortais. Se no 2007 tiñamos 287 vítimas mortais, no 2008 esa cifra reduciuse a 236, o que supón ademais unha redución próxima ao 43% respecto á situación que existía no ano 2003.

En todo caso e pese á mellora, é imposible sentirse satisfeito mentres se sigan producindo falecementos nas nosas vías de circulación. Se temos en conta a media europea de 79 mortos por millón de habitantes, España está por debaixo desta cifra e Galicia, en cambio, supéraa. O noso reto non está só, polo tanto, do lado da Dirección Xeral de Tráfico, senón tamén dos nosos concellos e da sociedade enteira, para reducir sensiblemente a cifra de vítimas mortais por accidentes de tráfico en zona urbana.

No volume da Memoria que hoxe se presenta poden atopar estes e outros datos da actividade da Administración Xeral do Estado na nosa comunidade, e por iso quero darlles as grazas a todos os que fixeron posible que este documento vexa a luz, en especial ao persoal da Delegación e das Subdelegacións do Goberno.