María Rivas anuncia novas melloras por importe de 600.000 euros na N-547 nos núcleos urbanos de Melide e Arzúa

02/11/2021

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; anunciou próximas inversións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana por importe de 600.000 euros para a mellora da N-547 ao seu paso polos núcleos urbanos de Arzúa e Melide.

María Rivas supervisou hoxe, xunto coa tenente de alcalde de Obras, Begoña Balado; os traballos de semaforización e mellora da seguridade vial na localidade de Arzúa.

A subdelegada do Goberno informou á representante municipal que o Ministerio de Transportes aprobou o proxecto de actuacións de mantemento para a rehabilitación do firme da estrada N-547 nos tramos comprendidos na travesía de Melide e na travesía de Arzúa, cun orzamento de 600.000 euros e que prevé a renovación da calzada e o repintado da sinalización.

A rehabilitación do firme plantexada nas travesías de Melide e de Arzúa distingue dous tipos de actuacións en función do grao de mellora que se fai necesaria. Unha rehabilitación superficial das zonas sen deterioración estrutural e unha rehabilitación completa naquelas zonas onde existe unha deterioración estrutural, nas que se fresará e estenderá nova mestura ata un total de 20 centímetros de espesor. A actuación completarase coa reposición de toda a sinalización horizontal afectada nos traballos de rehabilitación do firme.

Esta actuación será continuidade das xa levadas a cabo polo Ministerio de Transportes, que atendeu demandas do Concello en relación á mellora de pasos de peóns e mellora de drenaxe na travesía. Cabe recordar que a finais do pasado ano houbo unha reunión na Subdelegación do Goberno co alcalde e representantes da Demarcación de Estradas de Galicia para abordar varias cuestións relativas ao  concello, entre as que figuraban a mellora de pasos de peóns e  semaforización na estrada nacional.

Tras esos compromisos pintáronse bandas transversais de alerta nos pasos de peóns con maiores riscos para a seguridade viaria, en consenso co Concello de Arzúa, e dentro desta serie de actuacións trasladouse ao goberno local unha proposta de racionalización e mellora da seguridade viaria que tivo como eixe central a semaforización dos pasos no centro urbano, na zona da alameda, encargándose o Concello da obra civil, completando a actuación coa implantación de luces LED nos pasos de peóns. O investimento foi duns 30.000 euros por parte do Ministerio de Transportes. Tamén se executaron actuacións de fresado e reposición en varios tramos do núcleo urbano, moi castigados polo paso de camións.

Adicionalmente, na actualidade existe un proxecto de rehabilitación de firmes na estrada  N-547, cun orzamento de 2.014.438,09 euros que inclúe a travesía de Arzúa, que se atopa en redacción.

A subdelegada do Goberno, xunto con alcalde e a primeira tenente de alcalde, visitou as obras de rehabilitación e conversión da antiga Casa de Correos de Arzúa, situada na rúa das Dores, nun edificio de uso público destinado a actividades culturais.

Trátase dunha obra do Ministerio de Transportes dentro do programa de intervencións de mellora do Camiño Francés a Santiago. Os labores de rehabilitación comezaron a finais do pasado ano e contan cun orzamento de 561.404,80 euros, aos que hai que engadir outros 65.000 euros correspondentes á realización do proxecto. O investimento é íntegro do Ministerio de Transportes.

O proxecto contempla a recuperación da construción orixinal, eliminando os engadidos posteriores que se fixeron e adaptando o edificio á normativa vixente e ao seu novo uso como centro cultural, con actividades relacionadas co Camiño de Santiago e a súa interacción en Arzúa onde conflúen dous trazados (Camiño do Norte e Camiño Francés), e con outros usos culturais que considere o  Concello. 

As intervencións inclúen o acondicionamento do xardín, que quedará incorporado á rede de espazos libres de Arzúa, e a conexión dun itinerario que conecta tanto este novo espazo público co xardín do albergue de peregrinos e o acceso á Capela da Madalena. Os traballos tamén contemplan o tratamento da contorna, ofrecendo solucións de continuidade.

A actuación é desenvolta polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e forma parte dunha serie de iniciativas executadas polo Goberno de España no ámbito do Camiño de Santiago na idea de realzar no posible o Xacobeo, contribuíndo a dinamizar o turismo e xerar actividade económica local.

A rehabilitación, que afecta a 300 metros cadrados no interior do edificio e case mil metros no exterior, viuse atrasada polo achado de restos arqueolóxicos no xardín e na planta baixa do edificio.

Os restos arqueolóxicos obrigaron a realizar unha modificación do proxecto para abordar o seu tratamento. Na actualidade estase á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta indique cales dos restos arqueolóxicos haberá que protexer e cales poden ser soterrados.  

Cando exista esa autorización, procederase a executar a obra de recuperación do xardín e da rehabilitación da planta baixa, onde se atoparon os restos. 

Por outra banda, María Rivas aproveitou a súa estancia en Arzúa para visitar as instalacións da queixería Barral, recentemente premiada polo seu queixo de tetilla co primeiro premio ao mellor queixo de vaca nova.

A subdelegada do Goberno puido coñecer o proceso de elaboración dos queixos así como os plans de traballo dunha queixería que conta con numerosos recoñecementos pola calidade dos seus produtos.