José Miñones anuncia no IEO de Vigo a concesión de 15M de euros para equipamento científico a centros e universidades de Galicia no marco do Plan de Recuperación

17/11/2021

O Ministerio de Ciencia vén de confirmar estas axudas que permitirán a centros e organismos públicos en Galicia acceder a equipamento de última xeración altamente tecnolóxico e de custo elevado. Remarca a aposta histórica do Goberno polo avance científico e a retención do talento investigador, que mobilizarán 3.456 millóns de euros do Plan de Recuperación. Destaca a calidade investigadora do Centro Oceanográfico vigués, que o converte en referente nacional e internacional nas ciencias do mar.


Vigo, 17 de novembro de 2021.-  O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou hoxe que o Ministerio de Ciencia e Innovación resolveu esta semana a convocatoria de axudas estatais á compra de equipamento científico que concede 21 axudas a centros e organismos públicos de investigación en Galicia por un importe de 15.151.437 euros. Trátase da maior convocatoria histórica para equipamento científico-técnico e forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, en concreto do compoñente 17 adicado a promover o progreso científico e reforzar o sistema nacional de ciencia e tecnoloxía.

José Miñones fixo este anuncio durante unha visita ás instalacións do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao IEO, onde coñeceu os principais grupos de investigación que traballan nos laboratorios de Cabo Estai. A visita foi guiada polo director do Centro, Pablo Carrera e contou coa asistencia da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o delegado institucional do CSIC en Galicia, Javier Rey.

Neste escenario, o delegado presentou as principais liñas que configuran a aposta do Goberno pola investigación e a sustentabilidade no Plan de Recuperación, “e que prevén un investimento histórico de 3.456 millóns de euros para o impulso da ciencia”.

José Miñones explicou que esta cantidade servirá para modernizar as infraestruturas e o equipamento científico; apostar pola carreira científica e a atracción e retención de talento; e financiar proxectos de investigación orientados á colaboración público-privada e a transferencia de innovación.
En concreto, o Plan de Recuperación contén tres reformas normativas e ata nove liñas de investimento ata 2023 para acadar estes obxectivos. “Nestas liñas é onde se inscribe a convocatoria de equipamento científico”, engadiu o delegado.

Axudas a equipamento

O obxectivo desta convocatoria é prover de equipamento de última xeración e incrementar a oferta de servizos especializados do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. José Miñones detallou que o Ministerio de Ciencia concedeu 21 axudas en Galicia das que o Centro Oceanográfico de Vigo recibe dúas por un importe superior a 1,2 millóns de euros.

Tamén resultaron beneficiados: o Instituto de Investigacións Mariñas-Vigo (2 proxectos por importe de 1,6 millóns de euros); a Universidade de Vigo (3 proxectos por 3,5 millóns de euros; a Universidade de Santiago (10 proxectos por 6,4 millóns) e a Universidade da Coruña (4 proxectos por 2,3 millóns).

O Centro Oceanográfico de Vigo

Durante o percorrido polas instalacións, o delegado puxo en valor a calidade investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo, un “centro de referencia” a nivel nacional e internacional nas ciencias do mar tanto en recursos pesqueiros como no medio mariño.

E lembrou que se integra co resto de centros de investigación ubicados en Vigo, como o Instituto de Investigacións Mariñas e o Campus do Mar, “que aúna a 3.000 investigadores e máis de 6.000 proxectos de investigación nos últimos cinco anos”: “Todo isto converte á Vigo na cidade española con maior volume de expertos e traballos científicos no ámbito do mar”.