Maica Larriba presenta un ciclo de xornadas formativas sobre violencia de xénero

13/10/2021

  • As xornadas terán lugar os días 18 e 21 de outubro e o 13 de decembro no edificio da Subdelegación do Goberno
  • Están dirixidas a profesionais que traballen no eido da prevención da violencia de xénero e asistencia ás vítimas
  • Todas as actividades serán gratuítas, aínda que terán prazas limitadas

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou esta mañá o ciclo de xornadas formativas sobre violencia de xénero que organiza a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra nos días 18 e 21 de outubro e 13 de decembro.

Unhas xornadas que, tal e como explicou a subdelegada, se enmarcan dentro das actividades de promoción, colaboración e impulso na formación e especialización profesional que teñen encomendadas estas Unidades contra a Violencia sobre a Muller e que están dirixidas a todos os e as profesionais da provincia que traballen neste eido –desde as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a ONGs, CIMs, servizos sociais ou persoal de Xustiza–, así como calquera persoa interesada.  

Maica Larriba expresou a súa ledicia por “poder realizar de novo este tipo de eventos” e agradeceu “a colaboración de todos os poñentes, profesionais de primeiro nivel, que compartirán os seus coñecementos sobre diferentes problemáticas ou aspectos relacionados coa violencia de xénero con todos os e as asistentes”.

A subdelegada quixo, así mesmo, destacar a importancia da formación, “xa que permite incorporar e formalizar, tanto nos niveis  técnicos como no conxunto  da  sociedade,  os coñecementos  que  nos permitan  avanzar  cara unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias”. Ademais, incidiu, “é importante que as Administracións se impliquen na transmisión e dispoñibilización de ferramentas e recursos a todos aqueles profesionais que traballan na primeira liña de loita contra a violencia de xénero”.

Tres xornadas formativas en outubro e decembro

A primeira destas xornadas terá lugar o próximo luns, 18 de outubro, coincidindo co Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos e contará coa participación de Mónica García García, fiscal adxunta da sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial de Pontevedra; Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero; Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía ye profesora da Universidade de Vigo; Francisco Rentero, inspector xefe da UCRIF de Vigo (Unidade contra Redes de Inmigración Ilegal e Falsedade Documental) da Policía Nacional; Rubén Penín Ríos, sarxento xefe do Grupo de Homicidios e EMUME (Equipo de Muller-Menor) da Garda Civil; e Estefanía Bouzada, xefa da Dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A actividade desenvolverase de 10 a 13.30 h.

A segunda xornada, terá lugar o xoves 21 de outubro, e baixo o título “Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero”. A charla, que comezará ás 12 h da mañá, será impartida por Juan Carlos Vázquez Rodríguez, xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A derradeira xornada celebrarase o luns 13 de decembro e centrarase na violencia de xénero no ámbito xudicial. Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo serán as encargadas de impartir as dúas charlas que terán lugar de 9:30 a 11:30 h.

Todas as xornadas serán gratuítas e terán lugar no Salón de Actos da Subdelegación do Goberno, polo que o aforo estará limitado. A reserva de prazas realizarase por riguroso orde de inscrición. As inscricións deberán formalizarse a través do correo unidades_violencia.pontevedra@correo.gob.es, indicando no asunto o título da xornada á que se desexa asistir.

O programa completo das xornadas pódese consultar no seguinte arquivo adxunto.